Os responsábeis das escolas europeas na nube achegan en Santiago os seus obxectivos e prioridades

xoves, 12 de decembro do 2013 Redacción

A xuntanza de hoxe na Consellería de Cultura nunha imaxe de Ana Varela

A Rede de Escolas da Nube do CESGA e Balidea volve estar hoxe de actualidade, se é que algunha vez, ao longo destes anos recentes, as súas potencialidades e implicacións deixaron de de estalo (potencialidades e implicacións para normalizar o uso das TIC das nosas escolas máis afastadas dos centros urbanos e para permitirlles innovar no eido educativo con novos recursos e ferramentas). Pois ben, resulta que a Rede vai alentar coa bagaxe xerada un proxecto máis amplo, RuralSchoolCloud, unha iniciativa europea que abrangue escolas galegas, de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido, experimentando con achegas da nube para lanzar a educación dos espazos non urbanos cara a vangarda TIC e unha estratexia de traballo cooperativo. Pois ben, os responsábeis da iniciativa europea reuníronse este xoves coa Consellería de Cultura.
Isto fíxose posíbel grazas á reunión de traballo dos propios compoñentes de RuralSchoolCloud, xuntanza que promoveu este departamento da Xunta. Precisamente a Consellería de Cultura, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), achegan o seu apoio na Rede de Escolas da Nube ao CESGA, a firma compostelá Balidea e máis ao grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC, que son os coordinadores do proxecto. Lembrar que a Rede de Escolas xa ten subido á nube aos CRA de Boqueixón, Vilaboa, Ponteceso e Ribadavia. Son precisamente estas escolas as que participan neste novo proxecto a nivel europeo. A iniciativa tamén conta co respaldo da compañía tecnolóxica HP. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos emprazados no rural ou en zonas con dispersión demográfica.
Ao encontro deste xoves asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; María R. Malmierca e Diego Nieto, do CESGA; Beatriz Cebreiro, Carmen Morante, Santiago Argüeso, Carol Gillanders e Javier Garbayo, da USC; Bruno Rubio, de Balidea; e Yolanda Neira e Cruz Martínez, do CRA de Boqueixón-Vedra. Asemade, tomaron parte na reunión Santoas Agudo, do Goberno da Rioxa; e mais Samuel Gómez e Vanessa Ibañez, en representación dun colexio rural agrupado desta mesma Comunidade rioxana. A representación de outros países estivo conformada por Hanne Wacher Kjaergaard e Raffaele Brahe-Orlandi (Dinamarca); Arturo Gagliardi e Mariangela Pastanella (Italia); Konstantina Zachari, Sokratis Pappas e Spiros Ntouvlis (Grecia), Bill Houldsworth e Geoff Tew (Reino Unido); e Zoran Janakiev (Macedonia).
RuralSchoolCloud, segundo se fixo saber, baséase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. “A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes”, informa a Consellería de Cultura.

PUBLICIDADE