Os quintos Premios Youtubeiras poñen o foco na formación en liña e na creación de canles

luns, 31 de maio do 2021 S. P.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo), das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa quinta edición cos obxectivos de “fomentar a creación e mantemento de canles en Youtube”, así como “de afondar na formación técnica para as persoas creadoras de contidos en lingua galega na Rede”.
Baixo o lema Magnetismo en liña, a iniciativa volverá repartir un total de 7.500 euros en premios nas doce categorías nas que se divide o certame. O concurso estará aberto “a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020”. O prazo de inscrición abrirase o 10 de setembro e as bases deste ano pódense consultar xa na web do certame.
Estes galardóns buscan impulsar a creación en galego en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e mostrar as/os youtubeiras/os na nosa lingua. Ao seu abeiro, ofreceranse sesións formativas para procurar a mellora da calidade técnica dos vídeos por unha banda e, pola outra, para dotar as persoas creadoras de ferramentas globais para a súa actividade. “Deste xeito, a formación será nesta quinta edición máis especializada que en anos anteriores”, informaron as entidades organizadoras.
O primeiro dos cursos
O primeiro dos cursos en liña chegará o vindeiro 18 de xuño e correrá a cargo de Xoán Escudero, técnico de son e realizador audiovisual, que compartirá co alumnado diferentes mecanismos para perfeccionar a técnica sonora e as gravacións dos vídeos no Youtube. Ademais, ao longo do ano realizaranse outras sesións nas que se abordarán cuestións de diferente índole, como son os aspectos legais e os dereitos de propiedade intelectual, da man de Bárbara Román, ou de posicionamento da creación dixital nesta rede, con Adrián Suárez. A inscrición para a sesión de Son e Youtube, xa está aberta no formulario que se atopa na web. Os cursos terán as prazas limitadas e impartiranse de forma telemática para adaptarse á situación sanitaria.
Primar as canles
Nesta quinta edición dos Premios Youtubeiras, a organización quere fomentar a creación e o mantemento de canles, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores. Esa será a gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras que, por segundo ano consecutivo, se dividen en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.

PUBLICIDADE