Os proxectos tecnolóxicos seleccionados en AntarticLab CSIC viaxarán á Base Antártica Española Juan Carlos I

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

Os proxectos seleccionados no certame AntarticLab CSIC vanse desprazar á Base Antártica Española Juan Carlos I. Son cinco propostas de instrumentación e ensaios científicos presentados polo CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP Universidade Laboral (A Coruña) e IES da Coruña, Lugo e O Grove. O primeiro premio recaeu no proxecto do CIFP As Mercedes (Lugo), Medición da calidade do aire no interior da BAE e o accésit nos dous proxectos presentados polo IES Urbano Lugrís (A Coruña), LoraWan Tracker e Medición do crecemento dos liques antárticos.

O certame

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en marcha hai un ano o certame AntarticLabCSIC, promovido desde a súa Delegación Institucional en Galicia e a Unidade de Tecnoloxía Mariña coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e o apoio tecnolóxico da empresa Marine Instruments. A iniciativa enmárcase no Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sustentábel 2021-2030.
Un ano despois, os proxectos seleccionados polo xurado viaxarán a mediados de novembro á Base Antártica Española, onde serán instalados e postos en funcionamento.
As propostas seleccionadas son Positivízate!, do CIFP Universidade Laboral (A Coruña); Medición da calidade do aire no interior da Base Antártica Española, do CIFP As Mercedes (Lugo); Multisens, do IES Monte da Vila (O Grove); Smart Person Tracking LoRaWAN, do IES Urbano Lugrís (A Coruña) e Monitoraxe do crecemento dos liques antárticos, do IES Urbano Lugrís (A Coruña).
A participación, nos cinco casos en modalidade de equipo, realizouse nas dúas categorías ás que se podía optar: outdoor, con propostas de instrumentos para a observación da contorna ou deseños experimentais que permitan determinar o efecto do medio sobre materiais e/o estruturas; e indoor, con propostas de dispositivos ou experimentos destinados a monitorizar condicións e/o sistemas vitais das instalacións ou interaccionar co persoal da Base, co fin de mellorar e aumentar o seu grao de sustentabilidade e habitabilidade.
O certame, cuxo obxectivo era dar visibilidade e poñer en valor as capacidades da Formación Profesional a través do desenvolvemento de instrumentos ou do deseño de experimentos, desenvolveuse a través de varias fases: presentación de propostas e desenvolvemento por escrito da idea; construción do proxecto (prototipo ou deseño experimental); entrega e presentación de cada proposta a través de vídeos divulgativos e a fase final: embarque dos prototipos e materiais dos ensaios no Buque Oceanográfico Hespérides, con destino á Base Atlántica Juan Carlos I, para a campaña 2023-2024.
A iniciativa estivo acompañada de visitas dos centros educativos participantes á empresa Marine Instruments (Nigrán), dedicada ao desenvolvemento de equipos electrónicos para condicións marítimos, e que deu apoio tecnolóxico aos proxectos en aspectos relacionados coa comunicación por satélite, electrónica, impresión 3D…

Información dos proxectos

-Positivízate! é un proxecto multidisciplinar e multinivel que pretende utilizar as novas tecnoloxías, especialmente programación en C++ e deseño e impresión en 3D para crear sinerxías educativas entre distintos niveis, axudando á autoestima individual e de grupo, especialmente na FP Básica.
-Observación e control da poboación de liques antárticos pretende proporcionar as ferramentas auxiliares necesarias para poder realizar estudos permanentes das diversas especies de liques existentes na Antártida.
-Smart Person Tracking LoRaWAN pretende contribuír á mellora da seguridade persoal, especialmente en situacións de emerxencia ou perigo. O seguimento intelixente de persoas mediante tecnoloxía LoRaWAN ten un gran potencial para salvar vidas e reducir o risco de lesións ou danos persoais.
-Medición da calidade do aire no interior dá Base Antártica Española (BAE) xorde dadas as condicións climatolóxicas extremas do lugar, e tendo en conta que é fundamental para poder desenvolver o traballo atoparse nunha situación de “confort”. Propón realizar unha medición e control da calidade do aire no interior da BAE.
-Multisens utiliza a tecnoloxía LoRa (Long Range Wide Area Network) para recoller e transmitir datos de diferentes sensores conectados a módulos de hardware libre Arduino. Os sensores poden ser de calquera tipo (por exemplo, temperatura, humidade ou presión), tan só han de dispoñer dunha interface compatíbel con Arduino, ou que se poida realizar un acondicionamento para o seu uso. Desta forma, créase unha rede de sensores sen fíos de longa distancia, da orde de varios quilómetros, sen necesidade de infraestrutura previa.

PUBLICIDADE