Os proxectos smart dos galegos Roi Vázquez e Gloria Jorge chegan esta semana á final do Blue BBVA

mércores, 29 de marzo do 2017 Redacción

As integrantes da equipa City Thinkers

A sede de BBVA en Madrid vai dar acollida este 31 de marzo, sexta feira, á final da edición 2016 do programa de emprendemento novo Blue BBVA Challenge. Os seis equipos de estudantes, entre os que (como avanzamos a finais de 2016 dende Código Cero) se atopan os galegos Roi Vázquez e Gloria Jorge, defenderán as súas ideas de negocio, todas elas enfocadas a mellorar as cidades do futuro. Roi Vázquez forma parte do equipo de Challenge Accepted e defenderá un proxecto que propón unificar nunha plataforma todas as opcións de transporte público ou taxi para asistentes a eventos que fagan o mesmo traxecto. Pola súa banda, Gloria Jorge participa co equipo dos City Thinkers e desenvolve unha aplicación que permite pór en contacto a estudantes entre si co fin de resolver as súas dúbidas a partir das experiencias dos outros estudantes.
O conselleiro delegado de BBVA, Carlos Torres Vila, anunciará o proxecto gañador, que será premiado cunha viaxe a Berlín, onde as mozas e mozos finalmente distinguidos poderán coñecer o tecido emprendedor novo da cidade e completar a súa formación.
As seis equipas finalistas do desafío de BBVA levan tres meses recibindo formación e adestramento para dar forma as súas propostas inicias e crear con elas cadanseus plans de negocio. O venres, na final do concurso do segmento novo da entidade bancaria, terán que expor e explicar en cinco minutos a súa iniciativa, enfocada a mellorar as cidades do futuro.

O grupo Challenge Accepted

Máis detalles dos proxectos con alicerce galego
Roi Vázquez é un enxeñeiro informático da Coruña que forma parte do equipo de Challenge Accepted, que consta doutros catro integrantes que presentan, en conxunto, o proxecto Socialtrip, a través do que propoñen unificar nunha soa plataforma todas as opcións de transporte público ou taxi para asistentes a eventos que fagan o mesmo traxecto. “A través de tecnoloxía matchmaking”, informa o BBVA, “a plataforma suxírenos con que persoas poderiamos interactuar de acordo aos nosos mesmos intereses”. Ademais, coordina citas cos asistentes durante o traxecto ao evento en cuestión.
Pola súa banda, Gloria Jorge é unha estudante de Tradución e Interpretación de Santiago de Compostela que participa co equipo dos City Thinkers, que presentan o proxecto Modum, onde desenvolven unha aplicación que permite pór en contacto a estudantes entre si co fin de resolver as súas dúbidas a partir das experiencias dos outros estudantes.

PUBLICIDADE