Os proxectos da aceleradora R DiCo Challenge mostrarán en xullo os avances obtidos

luns, 3 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Foto de grupo da aceleradora de R, cos responsábeis de proxectos, os mentores e os representantes de R, AMTEGA e a TVG

Os cinco proxectos que van participar en R DiCo Challenge, a aceleradora de contidos dixitais da compañía R, están xa a pleno rendemento, recibindo apoio e asesoramento e, tamén, a piques de afrontar con cadanseus proxectos a que será a recta final da primeira edición do programa, que culminará este mes de xullo cunha xornada Demo Day. Nesta xornada, as iniciativas finalmente elixidas para participar na aceleradora (Futboleando.gol, Brain Games TV, Adivina Producciones, Visualización Big Data e AliCE) mostrarán ao detalle os avances obtidos.
Como lembraremos, os gañadores foron seleccionados dun total de 20 propostas polo comité avaliador do programa de startups da operadora, integrado por dous representantes de R e dous da axencia autonómica AMTEGA con asesoramento da compañía CRTVG, que mentoriza un dos desafíos.
Amais do impulso en si mesmo, as iniciativas están contar con cadanseu mentor, axuda económica da axencia AMTEGA e o espazo startups R (habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura) á súa disposición, entre outras facilidades e servizos.
As devanditas cinco propostas son as seguintes:
· En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M International. O piloto, mentorizado por Diego Rodríguez Devesa, responsábel de contidos televisivos de R, propón un servizo de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol base, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do grupo Euskaltel.
· Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios e mentorizado por Antonio Ratón, responsábel de televisión na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.
· Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, escolleuse o proxecto de Adivina Producciones, FVR- Fila de Realidade Virtual. Mentorizado por Leticia Sánchez, directora de Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun servizo viábel de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180a.
· No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité avaliador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big Data, que mentoriza Esther Medina, xefa do servizo de Innovación da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de recolección e análise masiva de datos orientado á mellora da programación televisiva.
· Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse o proxecto AliCE, (www.alicebiometrics.com), promovido polo Centro Tecnolóxico Gradiant e mentorizado por José Cadavid, responsábel de Plataforma e Big Data do grupo Euskaltel. Desta volta a idea é desenvolver un piloto dun sistema de retención de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing) para confirmar de xeito automático a identificación dos usuarios.
Defensa e demostración: do Pitch Day ao Demo Day
Os cinco proxectos seleccionados competiron o pasado 7 de marzo nunha xornada de pitching na Cidade da Cultura de Santiago, xunto con outras quince propostas orientadas a algún dos cinco desafíos tecnolóxicos da aceleradora para o programa deste ano. Tratábase de convencer, nuns cinco minutos, da utilidade e viabilidade das iniciativas, e de explicar de que maneira as levarían á práctica cun plan de negocio.
Unha vez coñecida a identidade dos cinco proxectos que pasan á fase de aceleración, comezou este último treito do programa startups R DiCo Challenge 2018-19. Os elixidos teñen á súa disposición cadanseu mentor e poden optar á axuda económica da AMTEGA. Como dixemos máis arriba, tamén poden empregar o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, traballar man con man con R, ter acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiarse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego.
Ademais, R converterase para eles “nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado”.

PUBLICIDADE