Os programas de televisión e as películas perden peso no lecer doméstico

luns, 17 de abril do 2023 Marcus Fernández

Deloitte vén de publicar un novo estudio sobre hábitos de consumo audiovisual, no que destaca o feito de que ver películas e programas de televisión xa non é a principal preferencia para o lecer doméstico, especialmente entre os máis novos, que decántanse polos videoxogos, os contidos xerados polos usuarios e o lecer tradicional.
A enquisa de Deloitte salienta que o público mozo goza dos videoxogos e mira contidos creados polos usuarios tanto para entreterse como para conectar socialmente e ter unha maior sensación de inmersión, mentres que o público de máis idade opta polos programas de televisión e as películas para conseguir o mesmo efecto.
Un dos elementos máis significativos da enquisa é que analiza o impacto do cambio de hábitos nas plataformas de vídeo baixo demanda, que pese a que inicialmente gozaban do favor do público mozo, agora están a padecer a fatiga de subscricións, e comeza a ser tendencia o reducir o número de plataformas de streaming ás que se está subscrito, así como as subscricións intermitentes (que só pagan por unha plataforma cando están a estrear unha serie moi atractiva).
As tendencias recollidas por Deloitte indicarían que a publicidade orientarase cada vez máis aos creadores de contido en liña, mentres que as plataformas de subscrición deberán revitalizar as súas propostas para non perder o favor do público. Tamén resulta innegable que os videoxogos teñen un peso moi importante no lecer, e aínda que non formen parte do sector audiovisual nun sentido estrito, son o seu principal competidor, resultando moi complicado que os medios tradicionais poidan captar tanta atención como un medio cada vez máis interactivo e social.

PUBLICIDADE