Os profesionais critican o uso eufemístico da expresión «fallo informático» para eludir responsabilidades

venres, 16 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Carta remitida por un hospital barcelonés a nome dun bebé falecido

Os consellos xerais dos colexios oficiais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática españois, en relación á nova aparecida hoxe na prensa respecto ao envío dunha carta por parte dun hospital de Barcelona a nome dun bebé falecido na que o hospital solicita o seu número da Seguridade Social, a pesar de que a pequena naceu morta, e ás posteriores declaracións á prensa, na que fontes do centro aseguraron que se trata dun «erro informático», manifestaron que os medios de comunicación deberían ser conscientes de que o que en realidade agocha a expresión «fallo informático» non é máis que o encubrimento da incapacidade para manter os datos dos cidadáns seguros, exactos e postos ao día nalgúns casos, ou ben para construír e deseñar sistemas informáticos seguros.
Sexa como for, sempre hai unha man humana, xa sexa por mal uso ou mal deseño dun sistema informático, e polo tanto deberá existir tamén unha responsabilidade concreta e determinada sobre os prexuízos ocasionados. O concepto «fallo informático» é, polo tanto, un eufemismo carente de sentido e debería ser desterrado do vocabulario dos medios de comunicación.
Dende os colectivos profesionais tamén advirten que denunciarán publicamente aqueles «fallos informáticos» que poidan comprometer o interese xeral, e o seu uso como elemento exculpatorio de responsabilidades políticas, ante a pasividade dos diferentes Gobernos para establecer un marco regulador da informática que garanta a seguridade da cidadanía, apoiada fundamentalmente nun exercicio responsable.

PUBLICIDADE