Os produtos da nosa terra collen impulso en Eparacomerlugo.com

mércores, 10 de abril do 2019 Redacción

A campaña E para comer... Lugo, un referente na promoción da gastronomía da provincia, vén de coller novos e importantes impulsos da man da Deputación e o Presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros. Para comezar, daráselle un impulso extra á exaltación dos produtos locais, con diversas actividades a desenvolver nos establecementos hostaleiros. Ademais, a páxina web da iniciativa, www.eparacomerlugo.com, colle novos folgos. A isto cómpre engadir a adhesión á campaña de 51 locais de dúas ducias de municipios.
A iniciativa foi dada a coñecer hoxe polo presidente provincial, Darío Campos Conde, e o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, que estiveron acompañados dos representantes dos locais de restauración que se sumaron ás actividades. Estas consistirán, basicamente, na inclusión de produtos e materias primas da provincia con denominación de orixe protexida (DOP) ou indicación xeográfica protexida (IXP) nas cartas dos restaurantes. Deste xeito, entre abril e novembro e durante os últimos 10 días, os locais participantes porán á disposición dos clientes pratos elaborados con distintos produtos de Lugo.
Campos Conde explicou que “é unha iniciativa coa que Deputación, APEHL e Hostaleiros, xuntamos forzas para continuar promovendo o consumo das materias primas que hai na nosa provincia, que ademais de ser de ser de altísima calidade e contar con grande recoñecemento entre a cidadanía, son un motor xerador de economía e emprego”. O presidente tamén salientou a importancia deste tecido económico: “Estes sectores aglutinan máis de 13.000 traballadores e xeran un volume de negocio anual a través deste produtos superior aos 250 millóns de euros, o que dá mostra da importancia que teñen estes sectores para a economía do pais”.
A páxina web
Volvendo á páxina web da iniciativa, www.eparacomerlugo.com, é unha completa xanela informativa e comunicativa sobre a mesma, a súa metodoloxía e os seus obxectivos. Por seccións, ofrécense as informacións máis recentes sobre a campaña, imaxes, recursos turísticos, a relación dos locais adheridos e as ligazóns relacionadas. O sitio ofrécese en tres idiomas (inglés, castelán e galego) co fin de abranguer comunicativamente o meirande número de usuarios-visitantes. Tamén é de utilidade para visitar as publicacións da hostalería lucense (por exemplo a súa revista oficial, que vai polo número 18) e para canalizar as nosas buscas de información cara as redes sociais onde a campaña ten presenza: Twitter, Facebook, Flickr e YouTube.

PUBLICIDADE