Os primeiros prototipos dos televisión en 3D obteñen o beneplácito dos especialistas

venres, 20 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Xusto agora que xente vai mudando os seus vellos aparellos de televisión polas novas pantallas de plasma de alta definición, e as súas antenas tradicionais polos receptores de TDT, a compañía Philips vén de presentar o primeiro desenvolvemento comercial para televisión en tres dimensións reais, 3D. O efecto creado por estas pantallas é o mesmo có que acadaban os famosos anteollos de papel celofán azul e vermello, pero evitando a distorsión da cor que aquelas achegaban e cunha definición cualificada xa na Rede de “impresionante” por aqueles xornalistas que puideron asistir á devandita demostración en París.
Porén, a Philips -compañía cunha longa historia como responsable dalgún dos máis senlleiros avances tecnolóxicos do pasado século- non e a única empresa que dedica tempo e esforzos á procura desta tecnoloxía. Segundo un artigo publicado no Guardian Unlimited, tanto Orange coma SeeReal están tamén a traballar no que podería ser un novo estándar tecnolóxico para as vindeiras décadas. De feito a compañía de telefonía celular esta xa a probar nestes intres a rede de conexión de alta velocidade en Francia (100 mps) que sería necesaria para o envío da información en 3D.
O funcionamento desta tecnoloxía, coma xa se dixo, e semellante ó dos anteollos dos cinemas 3D de antano: cada ollo recibe unha imaxe distinta e, a diferenza entre as dúas fai o efecto de verdadeira tridimensionalidade, contrariamente ao falso 3D dos xogos de ordenador que só ofrecen sensación de profundidade.
Segundo o xornalista Guy Clapperton, un dos cinco profesionais da era dixital que foron cubrir a devandita presentación, o resultado final só ten un defecto: cando hai un obxecto en foco na parte mais próxima ao espectador, o fondo perde nitidez. Porén, engade que “unha vez que nos afacemos a isto, o efecto e perfecto”.
Auténtica revolución ou longo vieiro adaptativo?
Agora que a tecnoloxía xa está dispoñible, se cadra o que unha boa parte dos internautas andan a preguntarse é o seguinte: cal será o impacto deste novo sistema? Por unha banda, hai quen cre que unha vez visto cinema e televisión en 3D non haberá xeito de afacérmonos de novo ó antigo 2D, polo que o éxito será rápido. Pola outra, hai quen sostén que a penetración no mercado será moito máis lenta, como ocorrera coa televisión en cor, ou mesmo coa de alta definición, que, segundo este artigo, tardou nada menos que 20 anos en popularizarse.
Amais da TV, esta nova tecnoloxía xa está lista para ser levada ó cinema, e de feito, xa hai dúas producións en plena rodaxe que só serán impresas en cine tridimensional, dirixidas nada menos que por Steven Spielberg e James Cameron. A renovación nas salas podería ocorrer nun futuro máis próximo, xa que segundo as estimacións, a reforma roldaría os 3.000 euros, e sería a propia demanda a que potenciase o proceso de espallamento.

PUBLICIDADE