Os presidentes da Xunta e de Telefónica inauguran oficialmente Galicia Open Future

mércores, 10 de decembro do 2014 Redacción

A iniciativa Galicia Open Future, centro acelerador posto en marcha por Telefónica na Cidade da Cultura para impulsar novas (e innovadoras) empresas TIC da nosa terra, inaugurouse oficialmente esta mañá no seu propio centro de operacións: o complexo do Gaiás en Santiago. A inauguración, que non coincidiu coa posta en marcha do centro de emprendemento (xa en activo, dando acubillo a medio centenar de novas firmas, dende setembro deste ano), contou coa presenza do presidente da Xunta da Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e máis do presidente da compañía Telefónica, César Alierta, que protagonizaron a apertura do acto dando conta do que significa a innovación para as entidades que representan e, tamén, do que deron de si os doce meses pasados dende a sinatura oficial entre ámbalas partes que deu como resultado, precisamente, Galicia Open Future.
A continuación, os representantes da Xunta e de Telefónica, acompañados de múltiples representantes das nosas TIC (tanto do eido privado como do público), tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como se traballa no que definiron como o “gran centro do emprendemento galego”. Diso encargáronse, ao detalle, os representantes de empresas como Ephytech, Monet, CreaAppcuentos e Stukers.
Na súa intervención, César Alierta amosou o compromiso de Telefónica, a través de iniciativas como Galicia Open Future, a prol dos novos profesionais con ideas creativas e con espírito emprendedor. “Moita xente nova”, dixo, “quere ser emprendedora, pero non sabe como facelo e, na nosa opinión, é responsabilidade de empresas como Telefónica botarlles unha man”. Alierta falou tamén da necesidade de apostar dende tódalas frontes pola intelixencia e a innovación, e salientou o papel da empresa de telecomunicacións que representa como “axente principal da dixitalización da economía española”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta fixo un repaso do tempo transcorrido dende a sinatura do acordo con Telefónica, hai un ano, un acordo inserido no Pacto Dixital de Galicia, ao que se adheriu a compañía (xunto con outras 11 empresas do sector, galegas e estatais, amais do noso Clúster TIC) asumindo un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización da PEME galega e acadar a colaboración activa entre as grandes e pequenas firmas de cara ao medre do sector. Cómpre dicir que o Pacto Dixital foi, en palabras do seus responsábeis, “o primeiro deste tipo que se realiza en España”, sendo a súa finalidade investir na Comunidade e contribuír a converter Galicia nun punto tecnolóxico de referencia.
Núñez Feijóo lembrou tamén a importancia do sector tecnolóxico-dixital para a economía da nosa terra, “unha importancia que tamén coñece Telefónica”. Recordou que a día de hoxe hai 2.000 empresas galegas ao abeiro do tecido TIC que dan traballo a máis de 15.000 persoas. Ao mesmo tempo, salientou o papel do sector galego, un papel que sen dúbida vai a máis, e que será decisivo no remate da crise, contribuíndo como case ningún sector ao seu remate.
Sobre Galicia Open Future, o titular do Executivo galego amosou o seu convencemento no potencial da aceleradora para favorecer a transformación dos proxectos acubillados en claras iniciativas de éxito. Asemade, dixo que o compromiso do Goberno galego coa iniciativa estase a traducir, entre outras cousas, nos case tres cuartos de millóns de euros que xunto con Telefónica estanse a poñer a disposición do medio centenar de propostas emprendedoras. Na súa opinión, iniciativas como o Pacto Dixital ou Galicia Open Future constitúen “unha boa forma de abordar proxectos que a Administración pública non podería abordar soa”. E máis se temos en conta, engadiu, que das 50 iniciativas que acubilla a devandita aceleradora, o 80% presenta potencial para a creación de emprego cualificado e o 40% xa o ten; 2 de cada 5 dispoñen de financiamento, foron galardoadas previamente ou proveñen de centros tecnolóxicos; e 3 de cada 10 pertencen a sectores tradicionais da economía galega.
Galicia Open Future
Como dixemos, Galicia Open Future funciona xa de forma efectiva desde mediados de setembro nas súas instalacións do Gaiás. Traballan alí máis 100 persoas pertencentes aos 50 proxectos seleccionados para esta primeira fase, elixidos entre os máis de 130 que se presentaron á convocatoria. A maioría dos proxectos procede de Vigo e A Coruña, seguidos de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia.
Galicia Open Future é un proxecto impulsado por Telefónica -que investirá no seu funcionamento preto do millón de euros anuais- en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Os 50 proxectos seleccionados recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, as iniciativas que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsábel doutros 25.000 euros.

PUBLICIDADE