Os premios de Galiciencia 2010, cousa de mulleres

venres, 3 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Galiciencia, a feira de achados e inventiva celebrada estes días en Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), xa ten listaxe de innovacións premiadas. Todas elas salientan pola súa vertente a prol da sostibilidade e a busca de novas fontes de enerxía. Amais disto, contribúen en conxunto a desmontar a falsa idea de que a ciencia é cousa de homes: todas elas veñen da man de mozas. O xurado do certame, que se insire dentro das actividades da Semana da Ciencia e se dirixe a sacar a/o científica/o que unha boa parte da nosa mocidade leva dentro, recoñeceu este ano as potencialidades dun sistema de climatización mediante xanelas con cámara de auga, deseñado por dúas mozas do Colexio Guillelme Brown de Ourense. Este aparello, amais de figurar como gañador da categoría de 2º ciclo da ESO, foi o vencedor absoluto do concurso, tras pórse por diante doutras dúas achegas que tamén recibiron premio, unha provinte do Colexio Alborada de Vigo (dúas alumnas de 1º de ESO) e outra de Guipúscoa (Bacharelato).

Segundo informa Tecnópole, cada unha das rapazas destes tres equipos gañadores levou un miniordenador portátil que no caso do primeiro premio absoluto se completa co financiamento do viaxe a outra feira científica de ámbito estatal. Volvendo ao invento gañador desta edición de Galiciencia, dicir que veu da man de Ana Esteban Baloira e Uxía Fernández Bustillo, que puxeron en común a súa capacidade inventiva para idear un método que nos axude a controlar a temperatura dunha vivenda empregando auga nas fiestras. Con este fin, informaron, úsanse ventás con cristal duplo e con cabida par unha cámara que se enche de auga. Tendo en conta o tempo que faga fóra, isto e máis o grao de insolación e as características da tintura que usemos no circuíto, estaremos en disposición de regular a temperatura da casa.

Polo que atinxe ao proxecto gañador do premio na categoría de 1º ciclo da ESO, consistiu na realización de medidas da resistividade dun material, a mina de lapis, formada por unha mestura de grafito con outras substancias. O traballo foi realizado por Paloma Bravo Bueno e Belén Martín de Vicente, de Vigo.

Os gañadores na categoría de Bacharelato foron Nuria Sánchez Monasterio e Andrea García Sagastibeltza, de La Anunciata Ikastetxea (Donostia, Guipúzcoa). O seu traballo, informa Tecnópole, “consistiu na análise física, química e microbiolóxica da auga do río Zubitxo e a calidade da paisaxe dos seus arredores”. Entre outras cousas, a achega serviu para desmontar a idea da imposibilidade de levar a cabo un labor de recuperación ambiental. A xuízo das investigadoras, a rehabilitación natural dunha paraxe pode ser unha realidade, tal e como se demostrou no Concello de Lezo onde se levou a práctica este sistema.

PUBLICIDADE