Os polígonos de O Campiño, Vilagarcía e Ponte Caldelas xa contan cos accesos ultrarrápidos de R

mércores, 8 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

O Polígono de O Campiño en Pontevedra

O operador de raizame galega R vén de informar da incorporación de tres polígonos industriais da nosa terra á listaxe de recintos empresariais que contan xa con Internet de altas prestacións. Trátase, máis polo miúdo, dos polígonos de O Campiño (Pontevedra), O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e A Reigosa (Pontecaldelas). Estas tres contornas, informa R, xa están conectadas ás redes de última xeración de R, o que significa (entre outras cousas) que as empresas emprazadas nelas poderán lograr “megavelocidades de acceso á Rede”, amais de “tirarlles o máximo partido a diversos servizos tecnolóxicos de valor engadido”.
Os traballos foron feitos polo operador de fibra grazas ao Plan de Banda Larga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que R é adxudicatario e no que se contempla a dotación de Internet ultrarrápida a 81 complexos industriais galegos. As firmas destes tres polígonos xa poden contratar Internet de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, “cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas”, sinala R.
Respecto aos servizos tecnolóxicos de acceso á Rede que se abren co fornecemento destas infraestruturas, a compañía de telecomunicacións fai fincapé en que os accesos ultrarrápidos son o alicerce que apuntala o seu medre e as posibilidades de competir das nosas empresas noutros mercados, previa a súa transformación dixital. Ao fío disto R salienta os servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a cousas como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.

Reconto e previsións

A peche de 2016, dezasete destes 81 recintos empresariais galegos incluídos no devandito Plan da Xunta ficaron conectados á rede de R e, segundo as previsións, o resto farano ao longo de 2017 (30 polígonos) e 2018 (outros 34). Deste xeito, en dous anos, un total de 130 polígonos, nos que segundo salienta R “concéntrase case o 93% da superficie empresarial ocupada en Galicia”, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
Como lembraremos, a AMTEGA subvenciona estes despregues cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE