Os piratas galegos únense á Confederación Pirata para presentárense ás europeas

luns, 11 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

As agrupacións pirata de todo o Estado, incluída a galega, veñen de unir forzas para dar forma á Confederación Pirata, fronte xeral coa que queren concorrer, a través dunha candidatura única, ás eleccións ao Parlamento Europeo. E farano xunto cos demais grupos de toda Unión Europea, os European Pirates, que acudirán aos comicios cun programa común en tódolos países. Este programa está a día de hoxe en preparación (estase a desenvolver a xeito de wiki colaborativa cun uso a esgalla das novas ferramentas por parte de cidadáns da todo o ámbito da UE, como non podía ser doutro xeito no seo dunha fronte política xerada ao abeiro da Rede e do espírito que alenta a súa parte máis cooperativa).
A confederación, segundo nos informan os Piratas de Galicia, está formada por nodos en todo o territorio e funciona xa de xeito plenamente horizontal. Os obxectivos compartidos son os mesmos cós das súas diferentes partes: garantir os Dereitos Humanos, a transparencia e a participación cidadá, facendo especial fincapé nunha Rede universal, igualitaria, libre e accesíbel para asegurar esa transparencia e esa participación. "Esiximos democracia directa e transparencia en todos os niveis da Unión Europea, dende o Parlamento Europeo ata os concellos", explica Isabel Fernández, voceira dos Piratas de Galicia.
Lembrar que o movemento pirata naceu en 2006 en Suecia. Na actualidade está presente en 68 países artellándose en Europa como os devanditos European Pirates, fronte integrada por preto de 100.000 persoas de 34 países, e con representación no Parlamento Europeo, cámaras estatais, rexionais e concellos, sendo especialmente visíbel na Alemaña, Suecia, República Checa e Islandia. A Confederación, cóntanos Ángel Vázquez, dos Piratas de Estremadura,“é a unión de asembleas horizontais, con democracia de base e sen xerarquías que impoñan ou restrinxan a liberdade dos seus membros, transparentes e que enarboran a bandeira dos Dereitos Humanos”. E conclúe: “Somos cidadáns organizados contra a partidocracia, a corrupción e os recortes en dereitos sociais”.
Polo que respecta aos traballos e loitas concretas desenvolvidas ao longo dos últimos anos, dicir que os membros da Confederación Pirata teñen denunciado certas barreiras electorais con Yo Avalo, plataforma compartida con todos os partidos respectuosos co ideario pirata, “e gracias a este labor puidéronse canalizar os avais de decenas de miles de persoas, permitindo participar nas Eleccións Xerais do 2012 a outros 32 partidos, entre eles EQUO e Escanos en Branco”. Por outra banda, evitaron o bloqueo de Wikileaks, forneceron métodos seguros de comunicación para os activistas da Primavera Árabe, denunciando as reformas do Código Penal de Gallardón, o canon dixital ou a lei Sinde-Wert, e tamén os casos de espionaxe da NSA publicados por Edward Snowden e Wikileaks con AntiPRISM e achegado solución ás dificultades para mercar libros escolares por parte de moitas familias coa iniciativa Parents2Parents. “A mais disto”, informan, “tamén desenvolvemos ferramentas de participación cidadá, usadas por outros colectivos e partidos como Liquid Feedback, empregada polo movemento italiano Movemento 5 Stelle”. Esta filosofía é a que inspira o funcionamento da Confederación Pirata e é ofrecida a toda ONG, sindicato ou partido que respecte os dereitos fundamentais e a participación cidadá.

PUBLICIDADE