Os personaxes de Star Wars animan a introducirse na programación informática

luns, 9 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A iniciativa Code.org vén de facer público un acordo coa Disney para ofrecer un titorial de programación informática baseado en Star Wars, de xeito que nos exercicios que deberán resolver os participantes aparecerán personaxes clásicos como a Princesa Leia, C-3PO e R2-D2, así como Rey e BB-8 de El Despertar de la Fuerza, o que esperan que anime a máis público a introducirse nos rudimentos da programación. Este curso en liña dá un importante pulo á campaña global Hour of Code (A Hora do Código) na que propoñen a organización de sesións dunha hora de duración na que persoas de calquera idade poidan introducirse no mundo da programación informática. Estas actividades desenvolveranse entre os días 7 e 13 de decembro en máis de 180 países e buscan a participación de millóns de estudantes; de feito, xa hai numerosos centros de ensino galegos que teñen eventos adheridos a esta iniciativa.
No curso en liña presentado hoxe, os estudantes poden aprender a programar superando certos retos e xogos empregando personaxes de Star Wars, de xeito que unha vez que se compoñen certos anacos de código, poden pórse a proba, de xeito que os usuarios poden manexar os pequenos xogos que programan, provocando unha recompensa inmediata que anima a progresar no curso.
O ano pasado Disney xa contribuíra coa Hora do Código achegando personaxes de Frozen, e este ano, en vista do retorno da franquía de Star Wars aos cines, son os personaxes galácticos os que protagonizan esta iniciativa que polo momento ofrece un curso de JavaScript para maiores de 11 anos (e en inglés), e que máis adiante contará cun sinxelo xogo de bloques para cativos de entre 6 e 10 anos que non só funcionará vía web, senón que tamén estará dispoñible en smartphones e tabletas (en máis de 40 linguas), facendo aínda máis accesible este xeito de entender o máis básico da programación informática, o que axuda a entender conceptos cada vez máis necesarios no noso día a día.

O curso publicado hoxe ensina JavaScript como un sistema de control de personaxes de Star Wars para facer funcionar mini-xogos

Introdución en vídeo ao novo curso de Code.org con personaxes de Star Wars

PUBLICIDADE