Os peregrinos en liña do Camiño dos Satélites chegan hoxe a Sarria

venres, 29 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Indurain, Varela e Zubiri, no comezo da viaxe

O Camiño dos Satélites, a iniciativa para promover a universalidade das TICs a través dunha peregrinación colectiva de persoas con diversidade funcional, chega hoxe á vila luguesa de Sarria, onde os integrantes da caravana van ser recibidos arredor das 18.00 horas polo seu alcalde, Claudio Garrido. Cómpre lembrar que non estamos perante unha peregrinación ao uso: está integrada por persoas con diversidade funcional equipadas con tecnoloxía accesible para un perfecto percorrido do Camiño, equipamento no que se inclúen dispositivos GPS, audioguías e outras tecnoloxías que se foron incorporando durante o traxecto.
No grupo, co fin de acadar a máxima repercusión social e mediática, atópase o cantante, músico e deportista invidente Serafín Zubiri. A chegada dos peregrinos a Sarria coincide coa habilitación na vila galega dunha exposición itinerante sobre recursos tecnolóxicos accesibles ligados ao Camiño dos Satélites, mostra que ficará aberta á beira da casa do Concello en horario de 10 a 14.00 horas, e de 16 a 20 horas.
A iniciativa, promovida pola Fundación Tecnoloxía Social (FTS) e máis AGESTIC, ten como obxectivo facilitar o acceso ao Camiño de Santiago, e por extensión a toda a Sociedade do Coñecemento, a persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión dixital.
O percorrido conta co apoio de diferentes organismos oficiais e empresas, como o da Xunta, o Xacobeo 2010, a Fundación Vodafone, o Concello de Logroño, a Fundación Logroño Turismo, Innovalley, Calzados FAL (Chiruca), Tenyus SocialWare ou Groupama Seguros, entre outros. Sinalar que o Camiño dos Satélites saíu o pasado 4 de outubro de Roncesvalles, e ten prevista a súa chegada a Compostela o vindeiro 4 de novembro. A caravana xacobeo-dixital está integrada por peregrinos, guías técnicos, prensa, cámaras, fotógrafos e diverso persoal da organización, o que constitúe un grupo de arredor de 50 persoas.
Entre as cuestións máis salientables que se están a promover durante o percorrido e no acubillo que proporciona a dita exposición figuran o emprego de GPS para orientarse, as posibilidades de participación e de inclusión das redes sociais, os códigos BIDI e outras tecnoloxías emerxentes. Salientar tamén a posta en marcha dunha web accesible con funcionalidades 2.0, caminodelossatelites.es, un portal onde podemos atopar información sobre o Camiño e sobre esta iniciativa social, guías, consellos, bitácoras persoais dos/as participantes, posibilidade de deixar comentarios e máis conexións diarias TVIP durante o traxecto, entre outros contidos.

PUBLICIDADE