Os partidos políticos participan este xoves nunha mesa redonda sobre o audiovisual e o seu futuro

martes, 3 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Que ocorrería no audiovisual galego se volvésemos contar cun bipartito PSOE-BNG os vindeiros catro anos? Que acontecería se gañase finalmente o PP? Por que o futuro da creatividade dun país ten que estar tan condicionado por quen obteña a lexislatura e pola mellor ou peor sintonía entre os gañadores? Até que punto se comprometeron os gobernos autonómicos en impulsar a nosa industria e os novos recursos de promoción (dixitais en boa medida) que se lles ofrecen? Obter respostas sobre estas e outras preguntas é o gran obxectivo do encontro que organiza este xoves a Academia Galega do Audiovisual na sede da Fundación Caixa Galicia (na imaxe) en Santiago: unha xornada que contará con representantes dos tres partidos políticos con presenza no Parlamento (PP, PSOE e BNG) co obxectivo de que expliquen as súas visións e propostas para o sector.
O encontro, que terá feitura de mesa redonda, vai dirixido a ofrecer aos membros da academia a posibilidade de ter e conta e contrastar os tres proxectos políticos a través dun coloquio cos representantes dos tres partidos.
A xuntanza contará coa presenza de Diego Calvo, vicepresidente do PP de Galicia, José Manuel Lage Tuñas, deputado e secretario de formación do PsdeG-PSOE, e Xosé Ramón Paz Antón, deputado do BNG. A mesa redonda estará moderada pola xornalista Mayte Cabezas.

PUBLICIDADE