Os obradoiros e relatorios da sexta edición de Maker Faire Galicia poderán seguirse por vídeo-conferencia

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

Con pandemia ou sen ela, perdura e medra o espírito maker da nosa comunidade argalleira, en parte debido a actual situación sanitaria (as tecnoloxías abertas, participativas e colaborativas poden achegar importantes contribucións á loita contra o coronavirus e as súas consecuencias). Froito disto, está a materializarse unha nova edición do evento Maker Faire Galicia, que terá unha sede de operacións real e virtual (o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura) e que este ano envorcou boa parte das súas actividades aos formatos online, co fin de garantir a continuidade do programa ao tempo que se mantén a seguridade das e dos participantes.
Segundo informou a organización (Vermis co apoio da Xunta e do Concello de Santiago), xa está aberta a inscrición para asistir á sexta edición deste “escaparate da creatividade e do deseño”. A feira, o acontecemento maker máis imporante da nosa terra e un dos máis relevantes de España e Europa, desenvolverase entre os días 18 e 22 de novembro. Os obradoiros e relatorios poderán seguirse por vídeo-conferencia.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma galicia.makerfaire.com que será o centro de operacións do encontro e que se presenta ante a comunidade maker como unha réplica do Museo Centro Gaiás, convertido nun entorno virtual en 360 graos. Movéndose a través deste espazo, os participantes poderán interactuar con cada un dos expositores participantes, conectándose en directo cos e coas argalleiras para coñecer polo miúdo os seus proxectos.
Ademais desta contorna expositiva, programaranse diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días de actividade, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, unha centrada no eido educativo e outras dúas destinadas a público xeral e moi especialmente aos e ás makers máis novas. Personalidades do ámbito da neurotecnoloxía, do desenvolvemento de aplicacións, ou influencers da filosofía do faino do mesmo cóntanse entre os relatores dun programa que poderá seguirse enteiramente a través de vídeo-conferencia.
Proxectos de neurociencia ou robótica
Dous dos nomes máis destacados do programa deste ano veñen dos eidos da robótica e da neurociencia. Trátase por un lado de Yannick Roy, co-fundador e director executivo de NeuroTechX, a comunidade internacional máis grande de entusiastas da neurotecnoloxía. Esta organización sen ánimo de lucro loita por difundir coñecemento, recursos e oportunidades de aprendizaxe arredor da neurotecnoloxía, e xerar sinerxías entre proxectos de innovación neste eido. A comunidade conta xa con 16.000 membros en todo o mundo, que comparten información e impresións sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY.
Por outra banda, participará tamén o coñecido youtuber especialista en robótica James Bruton. Antigo deseñador de xoguetes, este enxeñeiro eléctrico e mecánico levou a súa paixón pola robótica a outro nivel coa creación de sorprendentes proxectos de código aberto que comparte de balde con vídeos detallados que sobe ao seu canal. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o can robótico coñecido como Open Dog.
Da comida real ao espazo exterior
Tamén terán o seu oco na Maker Faire Galicia temas de tanta actualidade como o realfooding, un movemento que medrou de xeito exponencial nos últimos anos. O programa incluirá unha charla da co-creadora e CEO de MyRealFood, Sofía Belenguer, que falará das orixes e evolución desta aplicación, popularizada polo nutricionista Carlos Ríos que tamén está detrás do proxecto, que axuda ás persoas a volver e manter unha dieta saudábel baseada na “comida real”, deixando de lado produtos ultraprocesados. Tamén no eido da alimentación contarase con Maitane Alonso, a maker que sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos.
Polo que respecta á industria espacial, compartirá tamén a súa experiencia Antón Vázquez de Alén Space, empresa galega dedicada ao desenvolvemento, deseño e construción de satélites dixitais, tanto software como hardware.

PUBLICIDADE