Os obradoiros divertidos de R chegan este sábado a Porriño

martes, 6 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

R prosegue este novembro con máis formación divertida (e enriquecedora) para nenas e nenos. Falamos dos obradoiros itinerantes de Crea R pola nosa xeografía, unha xira que hai pouco recalou na feira de emprendemento Pont Up Store de Pontevedra e máis en Baiona, para logo proseguir en Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui e (a pasada finde) Caldas. Agora o percorrido (que o ano pasado chegou a unha vintena de localidades das nosas catro provincias) fai unha parada en Porriño, este 10 de novembro. As seguintes citas serán en Santa Comba e no marco da Mobile Week da Coruña. Novamente, o obxectivo é “dar azos á creatividade da rapazada e espertar o seu espírito emprendedor”.
No Porriño a cita será na Escola Municipal de Música Centro Cívico de Louro (no 13 da rúa Domingo Bueno), onde se desenvolverán tres obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces.
Como de costume, desenvolverase unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán a xornada, unha actividade que busca que a rapazada aprenda conceptos útiles de tecnoloxías mentres se divirte, creando enxeños e programas e non limitándose só a seren simples consumidores de contidos e hardware.
Cada un dos talleres de robótica está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, “completamente gratuíta,” só teñen que solicitar unha entrada na tenda R do Porriño (rúa Antonio Palacios, 46) onde se entregan, dende o pasado 30 de outubro e até este venres, 9 de novembro. Ademais, non se trata dun taller exclusivo para clientes de R; calquera veciño pode solicitar unha entrada para o obradoiro.
En termos máis concretos, no transcurso do obradoiro os cativos van ter oportunidade dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. “Grazas a CreaR”, sinala a operadora, “achegaranse dun xeito natural a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. Construirán coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido”.
Tanto na cita de Porriño coma nas seguintes, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.
Os obradoiros crea R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

PUBLICIDADE