Os obradoiros de Spin 2016 queren atraer aos escolares á tecnoloxía

xoves, 15 de setembro do 2016 Redacción

A Cidade da Cultura de Galicia convida aos escolares galegos a ser parte do Spin 2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, participando en obradoiros nos que descubrir e experimentar coa tecnoloxía.
No marco do Spin 2016, que terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro no Gaiás, escolares de 8 a 12 anos poderán achegarse dunha forma creativa ao concepto do Design Thinking a través de obradoiros de programación, robótica e modelado 3D. Os obradoiros contan con até 400 prazas e están deseñados tendo en conta o programa curricular dos cursos aos que están dirixidos e en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e Paideia.
Así, os días 29 e 30 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá o Taller de Programación con Scratch, que lles permitirá aos escolares programar a súa propia aplicación de realidade virtual ou conectar un videoxogo cun dispositivo robótico. Tamén terá lugar o taller de Electrónica divertida, no que poderán construír o seu propio artbot ou programar unha secuencia musical.
Entre os obradoiros escolares que formarán parte do Spin 2016 está tamén a Programación de vehículos robóticos, espazo no que os pequenos programarán o seu propio vehículo robótico; e o de Impresión 3D, para realizar os seus propios deseños e imprimir unha peza que levar a casa.
Estes obradoiros tecnolóxicos forman parte da axenda do Spin 2016, encontro bianual da RedEmprendia que nace coa vocación de espertar, apoiar e impulsar o talento emprendedor e fortalecer a contribución da universidade ao desenvolvemento económico e social. Esta terceira edición terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia entre o 29 de setembro e o 1 de outubro e contará con conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios e networking, ademais dos premios aos mellores proxectos emprendedores e un foro de investimento.

PUBLICIDADE