Os obradoiros B-web amosan este xoves diferentes técnicas para converter a nosa web en algo visíbel

xoves, 13 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das anteriores actividades dos obradoiros, destinados a facilitarnos o camiño aos segredos das novas redes

Termos unha web está moi ben, pero se non queremos que ninguén a vexa, para que tela? Saber os principais métodos para dala a coñecer, entre auditorios específicos e facendo fincapé no que nos interesa salientar, é unha das grandes materias pendentes de todos aqueles que se gaban de ter un anaquiño de Rede. Isto que é importante a nivel de usuario, adquire especial relevancia entre as empresas. Co obxectivo de botarlles unha man nesta tarefa de poñer a web en sitio visíbel, EXPOCoruña organiza este xoves 13 de outubro o seu segundo obradoiro B-web: Como posicionar a túa páxina web.
O obxectivo, como dixemos, é achegar as habilidades necesarias para mellorar o posicionamento da nosa web e con isto aumentar o tráfico que vén dos buscadores. Segundo nos contan dende EXPOCoruña para ir situándonos a nós tamén en materia, o posicionamento en buscadores, posicionamento web ou optimizador de motores de busca (SEO nas seu acrónimo en inglés) “é o proceso de mellora da visibilidade dunha web en buscadores de maneira orgánica, é dicir, sen ter que pagar ao buscador por esta posición”. Ou sexa, que figurar nas primeiras posicións de Google “resulta indispensable xa que este buscador responde case ao 60% das buscas en Internet”.
Neste novo obradoiro B-web aprenderemos a situar a nosa páxina web no mellor sitio posíbel e a aumentar o tráfico procedente de buscadores, amosándose como conseguir que este tráfico sexa o máis relevante posible. Asemade, tamén se exporán algunhas ferramentas que permiten controlar a evolución do posicionamento e así poder realizar un seguimento das melloras. Este obradoiro será impartido por Ismael El-Qudsi. Traballa en Havas Digital como Head of New Media (SEO, Redes Sociais, Blogs, Innovación...) tralo seu paso por MSN durante 3 anos foi search manager e responsable de Live.com. Previamente traballou durante 5 anos en TPI, por exemplo, no proxecto do buscador NOXTRUM. A nivel particular foi responsable dalgúns proxectos de Internet como a web de opinións Vootar.com e organizou o evento Internet es Tuyo.

PUBLICIDADE