Os novos iPhone poderían ter problemas de autonomía en función do fabricante do seu procesador

xoves, 8 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Os iPhone con procesador fabricado por TSMC presentarían unha autonomía claramente superior que os fabricados por Samsung

Xa case parece imposible que ao lanzamento dun novo iPhone o suceda un escándalo bautizado co sufixo ­–gate, e co iPhone 6s e 6s Plus parece que a cousa vai polo mesmo camiño, e hai que está a falar dun BatteryGate, escándalo máis que discutible que xorde da constatación por parte dos usuarios de que os teléfonos de Apple non veñen todos con procesadores do mesmo fabricante, senón que uns estarían fabricados por Samsung e outros por TSMC.
Esa práctica é habitual en produtos dos que se fabrica un volume moi elevado (no pasado houbo polémicas semellantes incluso coas cámaras dalgúns móbiles nas que montaban sensores de distintos fabricantes dun xeito aleatorio que facía imposible para o consumidor saber realmente a calidade da cámara do dispositivo que estaba a mercar até que o sacaba da caixa), pero desta volta está a crear moito ruído porque saíron á luz varias probas comparando ambos procesadores e, aínda que en rendemento a diferencia entre ambos é ridícula, non acontece o mesmo cando se mide a autonomía.
Os procesadores de Samsung están fabricados con tecnoloxía de 14 nm, mentres que os de TSMC con tecnoloxía de 16 nm e, aínda que sobre o papel parecería que os de Samsung serían superiores, na práctica detéctase como teñen unha temperatura media un par de graos centígrados superior (durante procesos intensivos) e, en consecuencia, cando se forza o seu procesador para que consuma moita batería, atopamos que os smartphones con procesadores TSMC teñen unha autonomía case 2 horas superior, o que podería ter consecuencias claras no consumo habitual do teléfono (aínda que cómpre lembrar que para a meirande parte dos usos é moito máis significativo o consumo de pantalla que o do procesador).
Para comprobar o procesador que ten cada un dos novos iPhone empregábase inicialmente unha aplicación chamada Lirum Device Info, que onte foi retirada da App Store polos seus desenvolvedores, o que fixo xurdir unha aplicación chamada CPU Identifier que está a compartir estatísticas sobre o número de dispositivos con cada procesador, de xeito que de media teriamos unha distribución parella entre ambos fabricantes, pero resulta non estar igualmente distribuída entre os distintos modelos, de xeito que só o 31,22% dos iPhone 6s Plus contarían cun dos procesadores de Samsung. Queda agora agardar a comparacións de autonomía con usos diarios dos terminais para ver se realmente hai motivo para escandalizarse polo BatteryGate.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Apple reaccionou ás críticas e comunicou a TechCrunch que as probas que indican un maior consumo dos procesadores de Samsung non son realistas, xa que danse nunhas condicións que non coincide con usos do móbil no día a día. As probas desenvolvidas por Apple concluirían que a diferenza de autonomía entre ambos procesadores sería dun 2-3%.

PUBLICIDADE