Os novos iPad Pro poderían chegar lixeiramente dobrados de fábrica

venres, 21 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Co incremento de tamaño dos iPhone 6 e 6 Plus en 2014 xurdiu o bendgate, un escándalo relativo a un problema que consistía na facilidade dos terminais a dobrarse, que un par de anos despois demostrou ser causante de avarías nos dispositivos, levando a que Apple lanzase un programa de reparación para o iPhone 6 Plus; e agora semella estar a repetirse a historia cos novos iPad Pro, que teñen un tamaño bastante grande, pero un grosor moi reducido.
Están a rexistrarse bastantes casos de tabletas de Apple que están a chegar a mans dos consumidores co seu chasis de aluminio lixeiramente dobrado, o que dende Apple aseguran que é consecuencia do seu proceso de fabricación, rexeitando que sexa un defecto por non ter consecuencias prácticas, aínda que haberá que ver se iso é realmente así (lembremos que co iPhone 6 Plus tardaron anos en recoñecer o problema).
Segundo Apple o dobrado do iPad Pro é o resultado do proceso e arrefriamento que involucra compoñentes de plástico e metal durante a fabricación do dispositivo, xustificación que non semella moi aceptable para un trebello que venden a prezos de entre 879 e 2.099 euros en función da súa configuración (de feito, os modelos máis caros, os que inclúen conectividade móbil, serían os que máis acusan o dobrado).
En distintos foros están a xurdir usuarios que aseguran que o dobrado do seu iPad Pro non chegou de fábrica, senón que produciuse de xeito progresivo, simplemente co uso diario da tableta, o que si sería máis preocupante, pois indicaría que a súa resistencia á torsión é menor da debida, e podería dar problemas a longo prazo.
Queda agora por ver se Apple aceptará a súa responsabilidade ante este tipo de incidencia, e substituirá as unidades que estean seriamente afectadas, ou ignorará o asunto, de xeito que terán que ser os usuarios os que teñan coidado no momento da compra para mirar de quedar cun dispositivo nas mellores condicións posibles.

Vídeo no que podemos ver unha demostración práctica da facilidade coa que pode dobrarse un dos novos iPad Pro

PUBLICIDADE