Os novos avances da teleformación, ao descuberto no CNTG

martes, 27 de setembro do 2011 Raquel Noya

A Asociación nacional de Provedores de e-Learning (APeL), que agrupa a máis de 65 firmas do eido dos contidos, plataformas, servizos e consultoría en teleformación, vai celebrar no noso país o segundo Congreso APeL do e-learning, que terá lugar o vindeiro día 6 de outubro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.
O acto contará con responsables de formación e emprego da Xunta de Galicia, así como con responsables de formación dos sindicatos galegos e a responsable da mesma área da CEG, os cales participarán nunha mesa redonda para debater sobre a situación e o futuro da teleformación na nosa Comunidade.
Asemade, cinco empresas líderes do sector presentarán os novos avances atopados no campo da teleformación, as novas metodoloxías de aprendizaxe a usar e distintos casos de éxito.
O evento desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas, e vai dirixido directamente a responsables de formación e directores de RRHH de todas as empresas da rexión que desexen participar de forma gratuíta.
A misión de APeL, segundo afirman, “fundaméntase na promoción do e-Learning como método formativo e na defensa dos intereses dos provedores desta tecnoloxía”, que leva a cabo en colaboración con entidades e organismos relacionados coa formación en liña de todo o Estado.

PUBLICIDADE