Os novos Xiaomi 13T e 13T Pro chegan con cámaras Leica e televisor de agasallo

martes, 26 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi trae ao mercado español os seus novos smartphones Xiaomi 13T e 13T Pro, que como principal reclamo teñen as súas cámaras certificadas por Leica, así como unha oferta de lanzamento vixente até o 3 de outubro a través da que inclúen coa compra do teléfono un televisor Xiaomi TV A2 de 43 polgadas (que aseguran que está valorado en 449 euros, cando na práctica pode adquirirse por 279 euros en numerosas tendas).
O Xiaomi 13T chega cun procesador MediaTek Dimensity 8200-Ultra, 8/12 GB de memoria LPDDR5, 256 GB de almacenamento UFS 3.1, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cunha taxe de refresco de até 144 Hz, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts e resistencia IP68 á auga e ao po.
Integra en pantalla un sensor de impresións dixitais e unha cámara frontal de 20 Mpíxeles, aínda que as cámaras polas que destaca están na súa parte traseira, onde atopamos unha cámara principal de 50 Mpíxeles con apertura f/1.9 e estabilización óptica, un teleobxectivo de 50 Mpíxeles, e un ultra grande angular de 12 Mpíxeles, prometendo grandes prestacións fotográficas e de gravación de vídeo, ao que contribuíu o traballo de Leica.
Polo momento chega a España na súa versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento en 3 cores diferentes a un prezo recomendado de 659,99 euros (incluíndo o mencionado televisor de 43 polgadas).
Pola súa banda o Xiaomi 13T Pro dá un salto adiante ao equiparse cun procesador MediaTek Dimensity 9200+, 12/16 GB de memoria LPDDR5X, 256 GB/512 GB/1 TB de almacenamento UFS 4.0 e unha carga rápida de 120 watts, polo que case podemos considerar que estamos basicamente ante unha versión máis cargada do seu irmán menor.
O Xiaomi 13T Pro con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ten un prezo de 799,99 euros; con 512 GB de almacenamento incrementa o seu prezo até os 909,99 euros; e, finalmente, o modelo con 16 GB de RAM e 1 TB de capacidade custa 1.009,99 euros. Até o 3 de novembro estes equipos incluirían un televisor de 43 polgadas sen incremento de prezo.

PUBLICIDADE