Os novos Dell Alienware 13 son capaces de correr aplicacións de realidade virtual

mércores, 2 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A realidade virtual para PC cada vez está dispoñible para máis equipos, e os portátiles non van quedarse atrás, para o que xa non é preciso optar por ordenadores que custen máis de 2.000 euros, senón que comezan a xurdir versións relativamente asumibles, como os novos Alienware 13 de Dell, que presumen de ser os primeiros portátiles con pantallas de 13,3 polgadas capaces de mover aplicacións de realidade virtual grazas á integración das últimas gráficas de nVIDIA.
Polo momento haberá que agardar unhas semanas para ver estes equipos no catálogo español de Dell, pero o modelo base da nova xeración de Alienware 13, cun prezo de 1.199,99 dólares (1.081,32 euros) xa ten unhas prestacións impresionantes grazas a contar cun procesador Intel Core i5-6300HQ, 8 GB de RAM (DDR4), 128 GB de SSD e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 con 6 GB de memoria (GDDR5), aínda que cun elemento un tanto feble (a súa pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles) que corrixe nos modelos máis caros (de a partires de 1.799,99 dólares), que atrévense a incluír unha pantalla OLED cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles e o dobre de luminosidade (400 nits).
O Alienware 13 máis equipado, cun prezo de 2.099,99 dólares (1.892,31 euros), conta cun procesador Intel Core i7-6700HQ, 16 GB de RAM (DDR4), 512 GB de SSD e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 con 6 GB de memoria (GDDR5).
Estes novos portátiles de Dell teñen un peso de 2 quilogramos, o que resulta bastante contido para equipos de tan elevadas prestacións, capaces de mover xogos e aplicacións para Oculus Rift ou HTC Vive, o que contribuirá á realización en mobilidade de demostracións de realidade virtual.

O Alienware 13 sería o primeiro portátil destas dimensións en contar con potencia dabondo para funcionar con solucións de realidade virtual

PUBLICIDADE