Os nosos sectores turístico e tecnolóxico xuntaron enerxías na xornada Loop Congress

venres, 28 de febreiro do 2020 Redacción

Este xoves 27 de febreiro celebrouse en Santiago, na Cidade da Cultura, a primeira edición dun encontro que chegou para quedar e medrar: a Xornada de Turismo e Tecnoloxía Loop Congress, un evento organizado conxuntamente polo Clúster TIC de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia coa colaboración do IGAPE, Turismo de Galicia e a Xunta. A xornada, que contou coa presenza dun centenar de profesionais do ámbito das TIC e do turismo, serviu entre outras cousas para afianzar colaboracións entre os dous sectores e sentar os alicerces de futuros e prometedores proxectos.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou na clausura do evento “a aposta polo turismo intelixente e innovador como clave do desenvolvemento do sector durante os próximos anos”.
Álex López, que se atopa entre os persoeiros con máis influencia mundial en materia de redes e ecommerce, sinalou na súa intervención como “a venda social impulsa a creación de conversas online para atraer a potenciais clientes”, un concepto que cambiou a concepción da mercadotecnia en redes sociais. “Instagram é un lugar perfecto para as empresas turísticas”, indicou, destacando diferentes ferramentas para explotar todas as posibilidades desta canle social.
Pola súa banda, o experto en análise de datos a gran escala e vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Deusto, Álex Rayón, puxo o foco na economía dos datos e no seu potencial para revolucionar o mundo da tecnoloxía, porque, dixo, “pódense manexar volumes de datos masivos cos que estudar o comportamento dos usuarios en tempo real, ademais de coñecer as súas preferencias dunha forma máis precisa”. Amais, sinalou, “esta tecnoloxía permite, por exemplo, recomendar rutas turísticas personalizadas ou afacer o programa dun festival de música aos gustos da audiencia reflectidos nos datos das aplicacións musicais”.
Na mesa redonda sobre a preparación do sector turístico ante as tecnoloxías que marcan un antes e un despois participaron o director executivo e co-fundador da Axencia Pilgrim, Roberto Fraga; o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez Cacheda; e o director da empresa tecnolóxica Sixtema, Alejandro Lamas, coa moderación de Manuel Veloso, da secretaría técnica do Clúster de Turismo de Galicia.
Roberto Fraga fixo fincapé na necesidade “dun cambio na capacitación profesional de raíz, baseada en competencias”. Pola súa banda, Martínez Cacheda indicou que “as tecnoloxías permiten chegar aos pequenos a sitios onde só poden chegar os grandes, sempre, empezando por un bo diagnóstico de base”. Alejandro Lamas salientou a relevancia de “atendermos aos mecanismos dos movementos tecnolóxicos, facendo vixilancia tecnolóxica, avaliando o que resulta de interese e que non”.
Loop Congress contou tamén coa visión da administración no sector turístico en Galicia da man da responsábel da área de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestre; do responsábel da área de Innovación de Turismo de Galicia, Jorge Barreiro; do xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón García Guinarte, e do responsábel de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Súarez.
Durante o coloquio, moderado polo representante da mesa de turismo no comité de dirección do Clúster TIC de Galicia e director executivo de Dos Espacios, Santiago Paz; o xerente da Mancomunidade do Salnés destacou varios proxectos públicos baseados no concepto de Cidades Intelixentes e resaltou as posibilidades que ofrece a segmentación para facilitar información ao cidadán desde as administracións. Fernando Súarez lembrou a necesidade de “enriquecer a experiencia turística, antes e despois da visita, a través de ferramentas tecnolóxicas”. Pola súa banda, Jorge Barreiro expuxo a estratexia Smart Turismo de Turismo de Galicia, baseada nun tecido de portais, aplicacións para dispositivos móbiles, redes sociais, oficinas de turismo e visitas virtuais e 3D.
Loop Congress pechou a súa primeira edición cunha sesión de networking na que participaron empresas de ambos os sectores representados.

PUBLICIDADE