Os nosos profesionais da ilustración avanzan en Santiago as liñas básicas da súa nova web

luns, 30 de outubro do 2017 Redacción

Este sábado 28 celebrouse en Compostela o XIV Encontro Galego da Ilustración, organizado pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) no auditorio da Fundación ABANCA. A cita, que serviu para mostrar os amplos horizontes da nosa riqueza ilustrativa, contou coa participación das creadoras Mar Hernández Malota (que falou da súa experiencia na ilustración e en ámbitos lindeiros como o audiovisual, a publicidade ou a mercadotecnia) e Giovanna Lopalco (italiana afincada na Coruña que fixo un percorrido polo desenvolvemento dun filme de animación e de como este proceso se nutre do ámbito ilustrativo). No encontro, no que tamén participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, celebrouse a asemblea xeral da asociación e, tamén, presentáronse os que serán os elementos fundamentais da nova web da AGPI.
A través deste adianto da que será a nova faciana de agpi.es (dispoñíbel en cuestión dunhas poucas semanas), a asociación fixo saber que vai estar ateigada de contidos e servizos e que achegará unha ampla marxe de participación para socios e usuarios. De feito, a web porá en xogo unha sección de traballos dos socios a xestionar por cada un deles, coa novidade de que agora cada membro da asociación terá a posibilidade de incorporar proxectos ao seu perfil, desbotándose o apartado de galería única de traballos. A web, segundo nos fixo saber a dirección da AGPI, estará plenamente operativa a finais de ano ou a comezos de xaneiro.
Como dixemos, no acto participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura e Educación. Segundo fixo saber Lorenzo, Cultura e Educación está a apoiar a renovación da web da asociación (a través dun convenio de colaboración), amais doutras actividades de divulgación (por exemplo o propio Encontro Galego da Ilustración). Lorenzo deulles a benvida aos participantes “a esta cita de diálogo e de conversa” que reúne na capital de Galicia, dixo, “algúns dos ilustradores máis destacados do panorama nacional, así como profesionais doutros sectores afíns, como o editorial, o do deseño, o da publicidade e o da animación”. Lorenzo salientou no acto de apertura “a alta calidade que caracteriza a produción galega actual de deseño e de ilustración, cun traballo que enriquece o noso universo de imaxe e a construción visual da cultura galega”.

PUBLICIDADE