Os nosos centros de FP disporán de 42 espazos de tecnoloxía aplicada

luns, 21 de agosto do 2023 S. P.

Os centros de FP galegos van contar o vindeiro curso cun total de 85 aulas de emprendemento e 42 espazos de tecnoloxía aplicada. O obxectivo desta ampliación impulsada pola Consellería de Cultura e Educación é “mellorar as perspectivas laborais dos estudantes, fomentando o emprendemento e facilitándolles o contacto con elementos e ferramentas tecnolóxicas que se empregan nas empresas”. O investimento será 1,2M€. As dúas iniciativas abéiranse á Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia.
No caso das aulas de emprendemento, cada unha delas (tanto as novas como as 60 que xa estaban en funcionamento) reciben unha achega da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades de 5.000€. Son un total de 25 as que se incorporan para o vindeiro curso en concreto as reflectidas na seguinte listaxe: IES de Arzúa, IES As Mariñas (Betanzos), IES Fernando Blanco (Cee), IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES de Curtis (A Coruña), IES Macías o Namorado (Padrón), IES Lamas de Abade (Santiago), IES A Pontepedriña (Santiago), IES Leliadoura (Ribeira), IES de Fene, IES Monte Castelo (Burela), IES Sanxillao (Lugo), IES Manuel Chamoso Lamas (Carballiño), IES de Rodeira (Cangas), IES da Cañiza, IES Chan do Monte (Marín), IES Escolas Proval (Nigrán), IES Plurilingüe Pedra da Auga (Ponteareas), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), IES Ricardo Mella (Vigo) e IES A Guía (Vigo).
A través deste programa, desenvólvense actividades que fomenten e canalicen as iniciativas emprendedoras do alumnado do centro educativo, e en particular do alumnado que está próximo a finalizar os ciclos, mediante un sistema de orientación, guía e titoría das ideas emprendedoras aportadas polo propio alumnado. O frécese soporte administrativo e técnico para as primeiras fases dun proxecto emprendedor que é, segundo indica a Consellería, “semellante ao dun marco de desenvolvemento dunha startup, xunto co asesoramento e axuda necesarios para poñer en marcha o seu proxecto empresarial”. De acadar un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha, faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da Rede de viveiros de empresa do programa Eduemprende.
Simulación das contornas laborais
A través do programa de espazos de tecnoloxía aplicada, dótase aos centros de FP de ferramentas e “elementos que simulan as contornas laborais, nas que se poden empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos apoiados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais”.
Para o vindeiro curso incorpóranse un total de 15 centros a esta iniciativa, os reflectidos na seguinte listaxe, que se suman aos 27 que xa desenvolvían o programa: IES de Arzúa, Aula Tecnolóxica Forestal; CIFP Ánxel Casal - Monte Alto, A Coruña, Espazo EduLab: Aprendizaxe 4.0; CIFP Someso, A Coruña, Hidro Dixital Wellness; CIFP Ferrolterra, Aula 5.0 para automatización, deseño e implementación de dixital twin e cobot; CIFP Compostela, Aula de Panadaría – Pastelaría Advance; CIFP Politécnico de Santiago, Laboratorio de ensaio de materiais; CIFP As Mercedes (Lugo), Shared Smarkt Classroom; CIFP Politécnico de Lugo, Dixitalización dunha RUMED na aula; IES María Sarmiento, Viveiro, Espazo de tecnoloxía aplicada en soldadura; IES Manuel Chamoso Lamas, O Carballiño, Aula de procesos automatizados; CIFP de Vilamarín, Aula tecnolóxica multisensorial; CIFP A Granxa, Ponteareas, Aula tecnolóxica de análise e procesado de produtos saudables e eco-sostibles; CIFP Montecelo, Pontevedra, Aula tecnolóxica Premium; CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo, Aula da electromobilidade; e CIFP Fontecarmoa, Vilagarcía, Entorno virtual para electricidade.
Cada centro recibirá unha achega de 55.000€ que poderá ser destinada á adaptación dos espazos e á adquisición de equipamentos tecnolóxicos propios de distintos sectores produtivos.

PUBLICIDADE