Os norteamericanos poderán facerse por portátiles do proxecto OLPC a través dunha campaña solidaria

luns, 24 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os portátiles de 100 dólares levan dando moito que falar nos últimos 2 anos, e finalmente o proxecto de Negroponte se concreta nos vindeiros meses, e xa hai unidades en produción. Para potenciar esta iniciativa, e darlle máis notoriedade, a partires do 12 de novembro lanzarán unha campaña que consistirá na compra de dous portátiles XO-1 por 399 dólares, de xeito que un iría para o comprador e o outro pasaría a mans dalgún neno dun país en vías de desenvolvemento. A campaña responde ó lema de Give 1 Get 1 (dá 1, colle 1) e só aceptará peticións durante 2 semanas, para poder asegurar que se entregarán os equipos antes do Nadal, de xeito que os portátiles pensados para os cativos se poden converter en agasallo solidarios.
A campaña de doazón de portátiles poderá servir en boa medida para mellorar a imaxe pública do decepcionante proxecto OLPC, que prometera equipos portátiles a 100 dólares e case dobrou o prezo inicial, achegándose perigosamente a equipos coma o Asus Eee PC, que se comezará a vender o vindeiro mes (ou sexa, que se adianta ó XO-1) e que o superan en prestacións; aínda que o feito de achegar un equipo de preto de 200 dólares a un cativo tamén se considera excesivo, polo que moitos non dubidan en afirmar que eses cartos estarían moito mellor destinados a comida ou medicamentos, xa que a tecnoloxía non é unha prioridade nas economías deprimidas.

PUBLICIDADE