Os músicos nas rúas de Londres comezan a aceptar achegas por NFC

luns, 28 de maio do 2018 Marcus Fernández

A pasada fin de semana a plataforma de TPV móbil iZettle, adquirida recentemente por PayPal, iniciou en Londres unha colaboración con Busk In London, facilitando que os músicos de rúa poidan recibir achegas por parte dos transeúntes mediante pagamentos contactless, atendendo así ao feito de que cada vez é máis habitual non levar cartos en efectivo, dificultando así a realización de pequenas doazóns a mendicantes e artistas itinerantes.
Deste xeito, os artistas de rúa poden facerse cun lector de tarxetas bancarias de iZettle, e empregalo para recibir aportacións dos viandantes, que só terán que achegar a súa tarxeta bancaria contactless (ou un smartphone que permita pagamentos por NFC) para recibir unha pequena achega que permítanlles manter o seu estilo de vida.
Esta solución estivo a empregarse en Londres en probas, e unha das artistas no programa piloto, Charlotte Campbell, que configurou o sistema para que calquera puidese empregar o sistema contactless para achegarlle 2 libras esterlinas, asegurou ter «un significante impacto nas contribucións» o aceptar esta nova opción de transferencia económica. Engadiu que unha vez que un cidadán se animaba a pagar mediante este sistema era máis doado que outras persoas seguisen o seu exemplo, de xeito que non debería sorprendernos que pouco a pouco se normalizasen este tipo de solucións para atallar o problema da falta de cartos en efectivo.
Confían en que nos vindeiros meses todos os músicos na rúa de Londres poidan gozar de lectores de tarxetas de iZettle para recibir achegas.

O programa piloto de iZettle realizouse en colaboración con Busk In London e presentouse oficialmente a pasada fin de semana

PUBLICIDADE