Os mozos virtuais arrasan en Xapón

luns, 22 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

As figuras dos noivos e noivas virtuais, que por estas terras son convocados/as case exclusivamente nos intres de crise de parella (eses intres nos que o outro ou a outra non fai o que se lle encomenda), están a converterse en certos países no complemento ideal para todo usuario de novas tecnoloxías da información, viva comprometido (cunha parella) ou non. Isto é o que segundo nos contan TechCrunch e Baquia está a acontecer en Xapón, un país especialmente afeito a vivir en planos situados alén do real (de alí foi que viñeron as mascotas virtuais do tipo Tamagotchi) e no que presentar calquera tipo de ferramenta innovadora no eido das amizades vén a ser como botar leña ao lume. Nesta liña de apostar en seguro é onde se sitúa a nova proposta da firma LinkThink, o servizo Webkare (“noivo web” en xaponés), un recurso en liña dirixido só a mulleres e que consiste basicamente en poñerlles un noivo virtual ao alcance da man.
Segundo se conta, a proposta está a ter tal éxito que aos poucos días da súa apertura, xa tiña inscritas a 10.000 mozas do país, incluíndo ademais 3,5 millóns de páxinas vistas.
O servizo, que é unha rede social de balde que polo de agora non admite internautas masculinos, incorpora unha serie de pasos a seguir para calquera usuaria iniciada: logo do rexistro, dá comezo o que se podería chamar proceso de ligoteo cos catro rapaces que a web lle asigna.
Para avanzar no xogo, a idea é manter contacto constante cos mozos e (tamén) con outros membros da rede. Esta é precisamente a chave da proposta: interactuar cos pretendentes e, sobre todo, con outros usuarios, xa que só desta forma, obtendo coñecemento sobre os noivos potenciais procedente de segundos e terceiros, será posible establecer citas, o mellor xeito de avanzar no xogo.

PUBLICIDADE