Os móbiles de gama media con Windows 10 tamén terán Continuum

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A versión móbil de Windows 10 ten como principal atractivo nos dispositivos de gama alta o poder gozar de Continuum, modo de funcionamento que facilita o uso de aplicacións universais nunha pantalla externa, de xeito que o smartphone pode comportarse como un ordenador persoal para o uso de software de oficina e multimedia, o que ten un grande potencial no contorno empresarial (xa que os profesionais poden levar o seu escritorio informático no peto) pero esta funcionalidade finalmente non vai estar limitada a terminais que custen máis de 500 euros, senón que é moi probable que en breve vexamos móbiles con prezos axustados que permitan Continuum.
Microsoft actualizou a páxina web sobre Continuum, de xeito que entre os requisitos mínimos para gozar desta funcionalidade (un móbil con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, 16 GB de almacenamento interno, pantalla de alta definición, 2 GB de RAM) xa non só figuran os procesadores Qualcomm Snapdragon 808 e 810, senón que tamén se inclúe o novo Snapdragon 617, que no Xapón incluirá o NuAns Neo, un terminal que custa 42.700 iens (335,51 euros), o que fai cada vez máis asumible gozar das prestacións máis atractivas de Windows 10 no móbil.

O NuAns Neo é o primeiro móbil con Windows 10 e Snapdragon 617 que confirma que contará con Continuum

PUBLICIDADE