Os misterios que agocha a ciencia, desvélanse estes días en Compostela

xoves, 10 de setembro do 2009 Raquel Noya

O Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira Lema, vén de inaugurar, esta mesma mañá, as Xornadas A Ciencia Hoxe, que organiza o Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para conmemorar o Ano Internacional da Astronomía aquí en Galicia.
A elas asistirán máis de 240 mestres de educación secundaria das especialidades de matemáticas, tecnoloxía, bioloxía e física e química, os que terán a oportunidade de coñecer de primeira man ao membro da Axencia Espacial Europea (ESA), Mark Kidger, que no seu relatorio falará sobre A estrela de Belén, Mito e realidade.
Pola súa banda, o outro convidado estelar (nunca tan a conto veu un adxetivo), o profesor titular de Xenética da USC, Emilio Valadé del Río, falará de Darwin e o seu legado.
O tema ¿Que é a astrofísica de partículas? correrá a cargo de Enrique Zas Arregui, catedrático de Física de partículas da USC, e o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo Durántez exporá o Percorrido pola historia da astronomía.
Os relatorios e exposicións programados terán lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago o primeiro e último día, mentres que para o segundo o IES Xelmírez II será o lugar elixido para a celebración dos obradoiros.
Con estas xornadas celébrase o 400 aniversario dende que Galileo Galilei empregara por primeira vez o telescopio para as observacións astronómicas (no 1609), e co bicentenario do nacemento de Darwin, o 12 de febreiro de 1809.
A coincidencia destas xornadas cos aniversarios foi algo que Mira Lema recordou durante a inauguración, e en relación cos traballos de Galileo Galilei e Darwin destacou que “as grandes obras son froito do traballo exhaustivo de moitos anos”.
No tocante ás xornadas, o Director Xeral de Educación destacou que “entre os relatores destas xornadas figuran profesores e investigadores de recoñecido prestixio, nun encontro destinado a aunar investigación e didáctica para que o coñecemento e a aplicación na aula vaian da man”.
O programa complementarase, ao longo dos vindeiros días (ata o sábado día 12) con sesións de observacións do firmamento os días 10 e 11 dende o Campus Sur, así como con sesións de planetario, unha exposición fotográfica, outra de libros e unha de telescopios.

PUBLICIDADE