Os mineiros atrapados de Chile, reclamo para a distribución dun troiano bancario

xoves, 2 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Os ganchos na Rede teñen forma de actualidade: esta é unha desas realidades que case nunca fallan. Que hai algo que preocupa á sociedade, ben sexa por sentimento verdadeiro de compaixón, ben por morbo? Pois antes de que nos decatemos xa se detectan na Rede todo tipo de trampas que empregan como reclamo iso mesmo que provoca preocupación para distribuír malware ou roubar información ou cartos. Até certo punto, a comunidade que desenvolve infeccións e roubos en liña funciona neste eido como unha empresa moi ben organizada: moi poucas bágoas se lle escapan. Segundo informa Panda, isto mesmo é o que acontece estes días coa cuestión dos mineiros chilenos que seguen atrapados dende hai varios días baixo o chan. Pois ben, a desgraza xa ten a súa resposta malware, tal e como se deduce do troiano bancario, un código malicioso chamado Banbra.GUC, que se distribúe a través dun vídeo sobre o suposto rescate.
Trátase, máis polo miúdo, dunha nova variante dunha familia de virus bancarios de moita sona, os Banbra, que apareceron por vez primeira no ano 2003. O seu funcionamento é máis ou menos o de sempre: por unha banda semella que cumpre unha función inofensiva (neste caso amosarnos o vídeo en cuestión dende o computador no que xa está instalado) pero pola outra leva a cabo unha serie de operacións encamiñadas a captar contrasinais bancarias. Segundo informa Panda, entre as entidades afectadas están o Banco Santander e máis o Banco de Brasil. “Cando o usuario visita algunhas das páxinas das empresas sinaladas, Banbra.GUC descarga uns executables que simulan ser a páxina en cuestión; unha vez que o usuario introduce os seus datos, este executable péchase devolvendo ao internauta á páxina real do banco”, sinalan dende Panda. E engaden: “Logo de todo o devandito, o troiano envía a información roubada ao seu creador a través do correo electrónico”. O programa, especialmente perigoso a xuízo da dita empresa de seguridade informática, soe atopar circulación a través de correos electrónicos ou redes sociais con ligazóns que semellan dirixir ao usuario a un suposto vídeo de YouTube, que en realidade non é tal e que serve para descargar o troiano no PC.

PUBLICIDADE