Os medios xerais desenfundan primeiro cós blogs: até 2,5 horas antes

luns, 13 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que non estea escrito por parte algunha que os blogs teñan que competir cos medios tradicionais no volume e a rapidez da información xerada, hai estatísticas que semellan encamiñadas a facerlle pagar aos primeiros a audiencia en liña que lles rouban aos segundos malia usar material xerado por estes. Así se podería entender o minucioso estudo que veñen de presentar sobre o ámbito dixital anglofalante as Universidades de Cornell e Stanford e que, entre outras moitas cousas, delimita con miúda exactitude o tempo que tardan as bitácoras en dar conta dunha nova con respecto aos medios de toda a vida: 2,5 horas máis.
A investigación, froito da análise exhaustiva da corrente cíclica que os datos seguen na actualidade (esculcando frases e palabras que se repiten nuns espazos e outros, ligazóns, comentarios e demais), abrangueu a lectura da nada desprezable cifra de 1,6 millóns de medios dixitais e cadernos persoais de fala inglesa.
Este estudo, que ao longo do día probablemente acabe reflectido nos xornais máis belixerantes coa competencia dos blogs (e non será casualidade), semella darlle a razón a quen mide o valor da comunicación pola rapidez e a cantidade da mesma, mais non meténdose en temas como a calidade ou o espírito crítico posto en xogo.
Desta maneira, as estatísticas lles son favorables aos medios tradicionais, que a tenor do que se conta no dito estudo son na maioría dos casos os que desenfundan primeiro (cun promedio de 2,5 horas de adianto). Segundo o informe, a porcentaxe de información que se adianta nos cadernos en liña xerando novas que logo chegan ás canles de toda a vida é moito máis reducida: do 3,5%.
O estudo completo pódese descargar en formato PDF.

PUBLICIDADE