Os máis de cen profesionais reunidos en Vigo por Ineo coinciden na necesidade de impulsar as TIC a todos os niveis

venres, 17 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros, presidente da asociación empresarial galega, durante a súa intervención

O encontro estatal organizado esta semana por Ineo, do que falamos onte polo serán para dar conta das intervencións ao seu abeiro do presidente da Xunta, reuniu a máis de cen representantes do tecido económico e institucional de Galicia, amais de axentes da innovación, empresarios TIC e dirixentes da entidade CONETIC, a confederación española de compañías do sector. A xuntanza, que se desenvolveu en varios treitos (unha serie de tomas de contacto empresariais baixo o nome de InnovaMeet, un xantar para estreitar ligazóns e unha presentación dos obxectivos de Ineo, entre outras cousas), saldouse con unanimidade no que se refire ao seguinte obxectivo común: a necesidade de impulsar as novas tecnoloxías en tódolos sectores produtivos. Esta é unha das principais conclusións deste evento e unha das liñas mestras do novo Plan Estratéxico 2011-2014 de Ineo, informou a asociación con sede na Zona Franca de Vigo.
Segundo explicou a entidade, este documento é unha ollada ao afianzamento de Ineo “como referente asociativo empresarial do eido TIC galego e recolle, como misión fundamental, o pulo á competitividade e o medre das empresas asociadas a través de tres vieiros fundamentais: cooperación, innovación e acceso a novos mercados”. Para a organización galega, segundo fixo saber no transcurso do evento celebrado onte, os obxectivos de crecemento (tanto os propios como os externos) só se poden acadar mediante a cooperación entre empresas -neste caso concreto empresas TIC- e organizacións de diferentes sectores produtivos.
Cómpre lembrar que arestora Ineo é o principal socio tecnolóxico de asociacións e plataformas como ANFACO, COINTEGA, o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego ou o Clúster da Madeira. “Nos vindeiros anos”, engadiu a asociación TIC, ”ampliaremos este labor a novos cluster e organizacións empresariais, coas que colaboraremos para desenvolver novas solucións tecnolóxicas a medida das necesidades detectadas en cada sector”.
No que se refire a casos concretos de impulso ao sector galego con alcance estatal e internacional, outra das liñas de actividade Ineo, a plataforma TIC fixo saber que o ano 2010 trazou un antes e un despois na estratexia da asociación, entre outras cousas porque “se duplicou a execución orzamentaria de anos anteriores e confirmouse a participación en importantes proxectos de innovación galegos, nacionais e internacionais”.
Co fin de que os asistentes se fixeran unha idea concreta destas achegas, citouse o impulso ao proxecto eStar Bien, impulsado pola Asociación de Mulleres e Familias no Rural (AMFAR) e que conta co apoio tecnolóxico de Ineo. Trátase dunha iniciativa subvencionada polo Goberno dirixida a reducir a fenda dixital no eido rural a través dunha plataforma TIC de servizos de interese. Asemade, citouse a participación innovadora de Ineo no proxecto europeo Muralla Dixital, que vén da man do Concello de Lugo e que en liñas xerais suporá o fornecemento de novas ferramentas “para a posta en valor do patrimonio cultural e histórico de diversas cidades do Eixo Atlántico”.
“O exercicio que agora pechamos foi especialmente importante para Ineo, xa que sentamos as bases do importante crecemento que experimentaremos nos próximos anos. Consolidarémonos como referente asociativo empresarial do sector TIC en Galicia, apostando por tres grandes eixes: a innovación, a cooperación entre sectores e a representación do TIC galego nos ámbitos nacional e internacional”, sinalou na xuntanza de Vigo Jorge Cebreiros, Presidente de Ineo.

PUBLICIDADE