Os maiores tamén gustan de WhatsApp e Facebook

venres, 29 de maio do 2015 Redacción

Ao longo de dous anos Roser Beneito, profesora de Informática Multimedia e Telecomunicacións da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), levou a cabo un seguimento dun grupo de maiores de entre 64 e 79 anos no proxecto Xente maior e medios de comunicación sociais: rompendo coa e-marxinalidade, co cal puido despezar polo miúdo o uso que os anciáns fan dos medios sociais para comunicarse. Como conclusións (entre outras) tirou que: a maioría das persoas de máis de 64 anos que empregan as novas tecnoloxías da comunicación prefiren usar WhatsApp e Facebook, entre outras cousas porque lles conectan cos seus netos, e detestan facerse selfies.
O estudo constata que a xente maior quere ser moderna e apúntase a usar as novas tecnoloxías da comunicación para ser activos na nova sociedade dixital, aínda que con iso non pretendan aumentar as súas relacións sociais, como fan os mozos.
A dita análise, que se insire no programa de investigación de excelencia RecerCaixa, que impulsa a Obra Social La Caixa en colaboración coa Asociación Catalá de Universidades Públicas (ACUP), conclúe que as redes sociais non significan en si mesmas unha ampliación das relacións da xente maior, a non ser que os seus usuarios xa teñan unha vida social activa fóra de liña. Asemade, o uso das redes sociais axúdalles a construír unha imaxe deles mesmos como activos e integrados, segundo a autora, que observou un tipo de tecnoesnobismo, especialmente no caso dos homes.
O estudo tamén revela que as persoas maiores amosan unha gran disposición para aprender o uso de redes sociais e que usan máis as redes dixitais cando atopan nelas unha vinculación afectiva.
No traballo de campo feito por Beneito conclúese que a rede social con máis éxito entre os maiores é o WhatsApp, posto que lle permite crear grupos que manteñen configuracións afectivas moi semellantes ás que se dan fóra de internet: familia nuclear, grupos de amigos, etc. Sobre todo, os maiores usan esta rede para manter o contacto cos seus fillos e netos e compartir con eles imaxes. O estudo constata que Facebook tamén lles gusta porque lles permite manterse vinculados a intereses e afeccións nalgúns casos, psicoloxía, arte, teatro, ou política e porque é unha rede que fai máis doadas as relacións interxeracionais avós-netos, e, de feito, a relación de rede máis efectiva téñena cos seus netos.

PUBLICIDADE