Os maiores de Pantón métense de cheo no uso do móbil
mércores, 27 de xuño do 2018
Esta
semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación
TIC da Deputación de Lugo, fornecendo á xente de idade de
recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e
para os seus labores cotiáns. Este
mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo
e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos,
visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC
no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de
novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de
móbil.
Fernández
Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo
noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida
dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao
despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías
representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o
seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o
contacto cos seus familiares e amigos”.
O
vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes
cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos
impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A
Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo,
“demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a
utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa
calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil
e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da
TIC.
En
total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións
formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na
provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un
incremento do 60% con respecto á tempada anterior.