Os maiores de Burela e A Fonsagrada tiran partido das TIC para pór en valor a súa contorna

mércores, 11 de febreiro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo segue adiante co seu periplo pola provincia mantendo diferentes encontros cos usuarios e participantes dos seus programas de promoción e afianzamento TIC. Desta volta, tocoulle á vila de Burela, a onde se desprazaron a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, e o deputado de Economía do Coñecemento, Alfredo Llano, para xuntarse cos usuarios de Engurras TIC, é un dos programas de balde que a Deputación achega a maiores de 55 anos de toda a provincia, coa finalidade de “fomentar o envellecemento activo a través do emprego das novas tecnoloxías”. O periplo tamén leva á entidade provincial á Fonsagrada, onde se dará conta da vindeira posta en marcha de Memoria Dixital TIC-TAC.
Segundo informa o organismo provincial, os participantes do dito programa en Burela fixeron fotografías e editáronas con dispositivos tecnolóxicos como smartphones, tabletas e ordenadores portátiles, amais de compartilas en redes sociais como Instagram. Por certo que o resultado deste traballo serán expostas no Centro de Formación Ocupacional, que é onde se desenvolveu o propio obradoiro. As mellores fotos entrarán a formar parte dun concurso, que se resolverá o 27 de febreiro.
Polo que atinxe á Fonsagrada, a visita da Deputación levarase a cabo esta tarde. Na cita concorrerán a deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queijo, que manterán un encontro con maiores da Residencia Burón, que participarán en Memoria Dixital TIC-TAC, programas gratuíto sobre as novas tecnoloxías que ofrece a Deputación a lucenses de máis de 55 anos. A iniciativa abrangue 9 obradoiros, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores de todos os Concellos, agás o da capital. Os interesados poden apuntarse no 982 254 666.

PUBLICIDADE