Os investigadores do CITIC amosan en Porto aplicacións de visión artificial

luns, 6 de marzo do 2017 Redacción

A semana pasada celebrouse en Porto a 12 edición do evento VISAPP, conferencia internacional sobre as aplicacións (e a teoría) da visión artificial, tamén coñecida como visión por computador. A International Conference on Computer Vision Theory and Applications tivo presenza galega. Segundo informa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña, cinco investigadores seus participaron no evento entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo. Amais de asistir aos relatorios e ás sesións de traballo, presentaron o proxecto Image and Video Analysis.
Segundo informa o CITIC, este congreso portugués é un punto de encontro referencial para investigadores, enxeñeiros e profesionais do ámbito da visión por computador. Na edición deste ano abranguéronse diversos temas de interese, como por exemplo formación e pre-procesamento de imaxes; análise e comprensión de imaxe e vídeo; movemento, seguimento e visión estéreo; e aplicacións e servizos.
Joaquim de Moura, Jorge Novo, Marcos Ortega, Noelia Barreira e Pablo Charlón, ademais de asistir a este evento, presentaron o traballo Image and Vídeo Analysis, que propón unha metodoloxía para a clasificación automática de vasos entre arterias e veas nas imaxes do fondo do ollo. Segundo informa o CITIC, trátase dunha proposta probada e validada con 19 retinógrafos de reflexión (en castelán reflectancia) no infravermello próximo. Por certo que a vindeira edición do Congreso VISAPP xa ten data e lugar. Celebrarase en Funchal (Madeira) do 27 ao 29 de xaneiro de 2018.

PUBLICIDADE