Os internautas seguen a evolución da gripe porcina pola Rede

luns, 27 de abril do 2009 Raquel Noya

Toquedequeda.net permite facer un seguimento minuto a minuto sobre o que se conta da gripe porcina en TwitterO brote de gripe porcina que está a afectarlle á capital mexicana e da que xa morreron máis de 80 persoas en todo o mundo, está a mobilizar á toda a cidadanía e, en especial, (tal e como era de agardar) a tódolos internautas do mundo, que acuden á Rede para manterse informados de todo o que pasa en torno a esta epidemia e saber algo máis sobre as súas características, coñecer a existencia de novos casos, saber da súa forma de contaxio…
Ferramentas como Twitter, o Centro de alerta de enfermidades da OMS, os distintos buscadores e incluso unha páxina web creada especialmente para esta epidemia mundial, facilitan as tarefas de procura de información dos internautas e permiten seguir as novidades que se van dando case ao instante.
Asemade, na Rede tamén podemos atopar un mapa creado por un investigador de Pittsburgh, no que se localizan os casos relacionados coa epidemia en todo o mundo, ou este outro no que cualquera pode colaborar.
Outras ferramentas como a web do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades, que contén unha serie de recomendacións para viaxeiros, ou o sitio especializado PandemicFlu.gov, son algúns dos recursos dos que máis botan man os internautas, ademais do Mapa Mundial de Alertas Epidémicas que dá conta desta e doutras enfermidades como a gripe aviaria ou o mal das vacas tolas, que tantos quebradeiros de cabeza nos causaron durante ben tempo.

PUBLICIDADE