Os ingresos da estratexia Smarter Planet de IBM medraron en 2011 un 47%

luns, 13 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O presidente de IBM España dando a coñecer en Madrid os obxectivos do programa

A multinacional IBM, unha das empresas que máis axiña nos veñen á cabeza cando alguén pregunta polos principais representantes do mundo TIC, vén de facer reconto do conseguido ao abeiro do seu programa Planeta Máis Intelixente, unha iniciativa posta en marcha hai tres anos co fin de promover a eficacia tecnolóxico-dixital, marca da casa, e que obtivo en 2011 uns ingresos un 47% maiores ca no ano anterior, 2010. O informe de IBM, no que se cualifica o programa de “visión de éxito” para múltiples aplicacións (melloras sociais, enerxéticas e económicas a través da fórmula da optimización na xestión dos datos) foi dado a coñecer nun encontro celebrado en Madrid, da man de Juan Zufiria, presidente de IBM para España, Grecia, Israel e Portugal.
Na cita, por certo, informouse tamén dos obxectivos da empresa en relación á dita iniciativa de eficacia TIC: lograr que en 2015 os ingresos dos proxectos acubillados en Planeta Máis Intelixente cheguen aos 10.000 millóns de dólares.
Estes son os piares que definen a estratexia:
· Gran capacidade para almacenar enormes cantidades de datos.
· Gran capacidade analítica de hardware e software para permitir a transformación deses datos en coñecemento de valor para as empresas e as administracións.
· Velocidade extrema dos sistemas para analizar a información e extraer conclusións dela.
Segundo fixo saber o presidente de IBM España, a aposta da multinacional a prol da innovación é o alicerce que lle permite progresar cara a novas propostas tecnolóxicas rendíbeis e sustentábeis. Neste senso, lembrou que IBM inviste cada ano uns 6.000 millóns de dólares en investigación e innovación, ten o récord de rexistro de patentes en Estados Unidos por dezanove anos consecutivos (6.180 patentes o ano pasado, sen ir máis lonxe).
Un dos grandes obxectivos de Planeta Máis Intelixente, como dixemos, é achegarlles ás empresas os mellores recursos para xestionar o mellor posíbel a información. Cómpre ter en conta, sinala IBM, que cada día xérase unha cantidade nova de datos equivalente a multiplicar por oito todo o contido existente nas bibliotecas de EE UU. “Cos recursos tecnolóxicos axeitados”, engádese, “é posíbel sacar á superficie todo o coñecemento que se agocha tralos grandes volumes de datos; as empresas son conscientes disto cada día máis, e isto demóstrase nun estudo de IBM que afirma que o número de compañías que emprega ferramentas de análises de negocio e mercado para crear vantaxes no eido da competitividade incrementouse nun 57%”.
Volvendo a Planeta Máis Intelixente, sinalar que a visión deste programa colle corpo en proxectos con empresas de practicamente tódolos sectores económicos, explicou Juan Zufiria, que salientou que en 2007 lanzáronse solucións tecnolóxicas para o comercio, ligadas a Planeta Máis Intelixente, que contempla a oferta de produtos e servizos TIC de IBM destinados ao sector da distribución.

PUBLICIDADE