Os informáticos salientan os pasos dados polo Goberno para equiparalos ao resto das enxeñerías

venres, 16 de xuño do 2017 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e Marcos Mata, presidente do CPETIG, nunha imaxe recente de Marcus Fernández

Unha reclamación que vén de antigo e na que teñen participado arreo os nosos colexios de informática (o CPEIG e o CPETIG), semella que está xa no camiño definitivo de ser atendida. Falamos dos repetidos chamamentos feitos polos colectivos estatais e autonómicos para evitar que os regulamentos de servizos profesionais prexudicasen a Enxeñaría Técnica e á Enxeñaría en Informática en relación ao resto das enxeñarías (a Lei deixábaos excluídos de importantes garantías, dereitos e recoñecementos do seu labor actual e da experiencia que acubillan tras eles). Porén, segundo nos contan os consellos estatais CCII (no que se integra o CPEIG), CONCITI (no que se integra o CPETIG), CODDII e RITSI, o Goberno está a dar “os primeiros pasos para a devandita equiparación profesional”. As entidades, de de feito, valoran “positivamente” este avance e agardan que “remate cos agravios producidos tanto a nivel profesional como académico”.
A confirmación veu da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital e reflicte a vontade do Ministerio de informar positivamente en relación coa inclusión dos enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en Informática no Anexo VIII do Real Decreto 1837/2008.
Segundo informan as ditas entidades profesionais, académicas e estudantís, malia non ser incluídos no Real Decreto que actualiza o Real Decreto 1837/2008 traspondo a Directiva 2013/55/UE sobre recoñecemento de cualificacións profesionais, adición que se demandou e séguese demandando polos representantes da profesión (CCII e CONCITI), da universidade (CODDII) e dos estudantes das titulacións ligadas á Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática (RITSI), o novo regulamento prevé “a creación dunha comisión interministerial que debe corrixir este feito de acordo ao manifestado cara aos consellos xerais por parte do Ministerio”.
Para os profesionais, a universidade e os estudantes destas titulacións representados en CCII, CONCITI, CODDII e RITSI, non se “pode nin se debe demorar máis a solución ao colectivo”, tendo en conta “o problema que se suscita cada vez que aparece un novo texto legal que afecta ao exercicio profesional, ao recoñecemento destes profesionais, ás taxas de máster e ao acceso a bolsas destes estudantes”. Por iso, esperan que “o Ministerio concrete proximamente os pasos que se van a dar nunha folla de ruta con obxecto de terminar dunha vez coa anormal situación regulamentaria que provoca este agravio dos estudantes e profesionais das enxeñarías informáticas, respecto ao resto de enxeñarías”.

PUBLICIDADE