Os impulsores de iWeekend encherán este venres a zona do Obelisco da Coruña de ideas innovadoras

xoves, 13 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A iniciativa iWeekend segue a estender as súas pólas. Se hai pouco falabamos da súa estrea galega cunha xuntanza de traballo en rede na sede de WeKCo (unha cita cun escenario concreto e pechado), agora é a quenda de rastrexar as súas ramificacións na propia cidade da Coruña, na procura de saírlle ao paso á propia cidadanía e facer convocatoria de cara á súa vindeira cita de traballo en rede. Máis polo miúdo, falamos da proposta dos responsábeis da iWeekend (eventos nacionais e de carácter mensual que agora afiánzanse na nosa terra) para converter a zona do Obelisco, o vindeiro venres a partir das 11.00 horas, nunha factoría de ideas empresariais e innovadoras. A iniciativa, malia ser fonte de ideas, será visíbel para todas e todos.
De feito, terá feitura de instalación informativa, feita con caixas de cartón reciclado e nela poderemos ver en que consiste iWeekend, como funciona e como evolucionan os proxectos que participaron ao seu abeiro. A idea desta cita no Obelisco é, como dixemos, saírlle ao paso á cidadanía. Así, calquera poderá interactuar co evento iWeekend, sacándose unha fotografía incluíndo, de palabra e por escrito, as ideas emprendedoras que se lle ocorran ou ben enchendo con elas un gran mural de notas de tres metros de longo e dous de alto, e todo para tentar acadar unha inscrición de balde ás xornadas que se van celebrar os días 21 e 22 de xuño, desta volta no Centro Universitario de Riazor e contándose coa colaboración dos empresarios novos locais, AJE A Coruña.
A iniciativa do Obelisco xa comezou, en realidade, cos organizadores anunciando con códigos QR as súas actividades, repartidos por toda a cidade, e lembrando que a inscrición está aberta na páxina de seu. Asemade lánzase a mensaxe fundamental da proposta iWeekend Innova e Crea: reunir a persoas que buscan oportunidades (profesionais e estudantes) con persoas que as ofrecen (empresarios, autónomos e emprendedores) para que traballen xuntos, “a través dunha experiencia e motivadora dun día e medio de duración”. O programa está dirixido tanto a aqueles que queiran presentar unha idea empresarial, desenvolvela, reorientala ou buscar solucións a algún problema, como para os que só desexen asistir ao evento en busca de contactos, inspiración e coñecementos de alto valor engadido. “En calquera caso, todos gañan”, engaden os organizadores.

PUBLICIDADE