Os habitantes dunha vila británica intentan vetar ao coche de Google Street View

luns, 6 de abril do 2009 Marcus Fernández

A preocupación pola súa intimidade e seguridade levou aos habitantes da vila británica de Broughton a evitar que o coche que toma fotografías para o servizo Google Street View puidese circular polas súas rúas, pois entre outras cousas temen que as imaxes de 360 graos sirvan para que os ladróns poidan planificar roubos nas súas propiedades.
A policía local atendeu o conflito cidadán, aínda que non atoparon motivos para actuar contra o coche de Google posto que tomar fotografías na vía pública é totalmente legal e non atenta contra a intimidade e, de feito, dende Google toman medidas ao respecto desenfocando as caras das persoas e eliminando as imaxes que poidan resultar problemáticas.
Estariamos ante o primeiro caso dunha revolta contra este iniciativa, aínda que a preocupación cidadá non parece moi xustificada, pois hai que lembrar que as rúas afectadas xa están dispoñibles a través doutros servizos coma Google Earth, ferramenta que xa foi utilizada no pasado para a organización de roubos, non sendo a tecnoloxía a culpable do seu abuso.

PUBLICIDADE