Os grupos de I+D do Campus de Ourense amosan o seu potencial

mércores, 20 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Mª Victoria Jato, Salustiano Mato e Francisco Rodríguez presentaron os documentos

Aínda que sexa de vital importancia, non abonda con innovar e investigar, abrir camiños en materia de tecnoloxía para mellorar a calidade das nosas vidas e das xeracións que están por vir. Hai que ir alén de todo iso: hai que informar polo miúdo destes traballos e facelo do xeito máis claro, doado e directo posíbel. Nesta liña é onde se insiren as dúas publicacións que vén de presentar o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, dous catálogos nos que se dá conta, por unha banda, do potencial e as oportunidades dos 46 grupos de investigación activos nos diferentes eidos do coñecemento que realizan o seu labor no Campus de Ourense, e pola outra, dos traballos e proxectos do centro CITI, tamén na cidade da Burgas.
Estes dous documentos foron dados a coñecer este martes nun acto perante os medios no que, ademais do reitor, tamén participaron María Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense; e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade. A primeira das publicacións, o Catálogo do Campus de Ourense, achega datos de contacto, eidos de traballo e accións dos devanditos 46 grupos de I+D, artellados nos máis diferentes ámbitos do coñecemento: 9 do ámbito científico, 9 do humanístico, 13 do ámbito tecnolóxico e 15 do xuridico-social. O Catálogo do CITI, sinalaron, presenta as instalacións, servizos e equipamento desta infraestrutura e do CACTI e, ao igual que no caso anterior, ofrece os datos de contacto, liñas de investigación e actividades dos 11 grupos de investigación que traballan nel. Os documentos, publicados en formato papel, aparecerán en breve na súa versión dixital, traducidos a castelán e inglés a través da web da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense.

PUBLICIDADE