Os grandes xornais españois poderían levantar muros de pagamento en 2019

mércores, 19 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Actualmente hai varios xornais de grande internacional peso con muros de pagamento, aínda que o seu éxito é moi desigual

Pese a que os experimentos anteriores foron un rotundo fracaso, danando a longo prazo ás cabeceiras de prensa que ousaron a cobrar polo acceso aos seus contidos en liña, aseguran que os grandes diarios españois están a prepararse para lanzar os seus muros de pagamento no primeiro semestre de 2019.
Segundo fontes consultadas por El Español antes de xuño de 2019 El País, o ABC, El Mundo e La Vanguardia cobrarían por algúns dos seus contidos na súa edición dixital, nun movemento revolucionario no sector da prensa española, que buscaría xerar un efecto en cadea. Ao parecer, perseguen certa sincronización, xa que de adoptar a medida varios medios á vez poderían evitar a fuxida de lectores a medios de balde.
Esta medida respondería a ralentización e ao estancamento dos ingresos publicitarios dixitais, que levan a acelerar a posta en marcha destes proxectos que experimentan con modelos de pagamento ante o feito de que a publicidade dixital tocou teito (de feito, algunha das cabeceiras españolas incluso experimentou caídas de ingresos nos últimos meses).
Os muros de pagamento non serían tan bruscos como os que estableceron algúns medios hai anos, senón que terían certa porosidade, mesturando contidos de balde con publicidade e contidos de pagamento, sendo tamén posible que se estableza un calendario de adopción progresiva para educar aos lectores para convertelos en subscritores.

PUBLICIDADE