Os gañadores dos Premios INCUVI-Emprende visitan as instalacións da Asociación de Novos Empresarios

luns, 24 de febreiro do 2014 Redacción

Un ano é o tempo do que dispoñen os gañadores e gañadoras dos Premios INCUVI-Emprende para facer realidade o seu proxecto empresarial. Con isto en mente foron recibidos na pontevedresa sede da Asociación de Novos Empresarios (AJE) do devandito campus, onde os elixidos xa teñen á súa disposición o espazo no que facer abrollar a súa idea de empresa. Deste xeito, unha consultoría ambiental e unha aplicación para aconsellar aos diabéticos sobre a práctica deportiva son os dous proxectos que se desenvolverán ao longo do vindeiro ano no Espazo Emprendedor da asociación, onde tamén medrarán a axencia de publicidade dixital e o proxecto de optimización de zonas deportivas mediante códigos QR que foron recoñecidos cun accésit nestes premios impulsados pola Vicerreitora de Transferencia do Coñecemento.
Emporiso, amais de dispor dun espazo no que desenvolver a súa empresa, os premiados nos INCUVI-Emprende tamén reciben un bono de formación por valor de 1000 euros por cortesía da Escola de Negocios de NovaCaixaGalicia e poderán participar ao longo do vindeiro ano nas diferentes actividades formativas que se desenvolvan no seo da asociación de empresarios. Trala presentación, a vicerreitora Antonia Blanco mantivo un encontro cos responsables dos diferentes proxectos, que durante a súa estadía nesta incubadora empresarial contarán tamén coa axuda da Vicerreitoría do campus, que realizará un labor de seguimento das súas iniciativas. O obxecto deste labor de titoría é crear colaboracións entre a Universidade e estas novas iniciativas empresariais, poñéndoas en contacto cos proxectos que se desenvolven no campus de Pontevedra.
Por último, sinalar que entre os oito proxectos gañadores se atopa un do que xa demos conta en Código Cero a propósito desta terceira edición dos Premios INCUVI-Emprende, trátase do presentado por Carlos Leirós (estudante de posgrao na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto cos graduados Fernando Iglesias e Antonio Cabanelas): Move a túa vida, unha aplicación móbil “para que os diabéticos fagan deporte dunha maneira segura e controlada”. Logo de recompilar a información precisa, esta será subida a unha páxina web na que cadanseu usuario contará cunha área personalizada na que facer un seguimento da súa actividade. No despacho contiguo ao dos responsables de Move a túa vida traballarán Fátima Otero e Manoel Ucha, dous titulados da Escola de Enxeñaría Forestal. A súa empresa trata de poñer en valor o medio ambiente como valor engadido desde o punto de vista empresarial. Asemade, existe unha segunda vía, promover a formación en liña no eido ambiental.
Nesta edición dos Premios INCUVI-Emprende outorgáronse por primeira vez accésits, que se suman aos seis premiados en Vigo e dous en Pontevedra. Os proxectos de Paloma Barreiro (Moose and Hooper, unha axencia de publicidade dixital, deseño web e desenvolvemento de aplicacións para empresas) e Adrián Paramés (cunha proposta de optimización de zonas deportivas a través do uso de códigos QR) compartirán un espazo de coworking tamén na Asociación de Novos Empresarios para sacar adiante as súas ideas emprendedoras.

PUBLICIDADE