Os gañadores do premio ao mellor proxecto universitario en código aberto contan a súa experiencia

luns, 5 de setembro do 2016 Redacción

Co fin de potenciar ao máximo a participación no Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, Mancomún (o portal sobre programación aberta da axencia AMTEGA) vén de crear unha nova sección na páxina do mesmo chamada Entrevistas aos gañadores. Segundo se informa, neste apartado publicaranse de xeito periódico encontros coas/os premiadas/os das pasadas convocatorias. O obxectivo é que “nos conten de primeira man que supuxo para elas/es este premio, coñecer se a súa traxectoria xa profesional segue ligada dalgún xeito ao software libre, ou escoitar as súas recomendacións ás alumnas e alumnos que se vaian a presentar a esta nova edición”.
A sección arrinca cun faladoiro con Iago Veloso, segundo premio da edición 2014, quen entre outras cousas debulla o que significou para el o devandito recoñecemento: amais dun xeito de destacar o esforzo realizado e as moitas horas invertidas, “unha maior visibilidade ao proxecto achegándoo a comunidade, un dos fins principais dos proxectos de software libre”.
Iago Veloso, enxeñeiro informático pola UDC, traballa a día de hoxe en Londres e continúa ao fronte do desenvolvemento do software libre RadioCo, o cal foi o seu proxecto de fin de grao e merecedor do segundo premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre.
Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia, ao abeiro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión dos programas de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular na comunidade de estudantes universitarios. Este premio, que vai pola súa IX edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola AMTEGA, para o que conta coa colaboración e apoio do CIXUG (Oficina de Software Libre) ou a comunidade GPUL.
Con esta iniciativa a Xunta desexa “continuar poñendo en valor o traballo que realizan os universitarios galegos durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do software libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral”.

PUBLICIDADE