Os futuros talentos do audiovisual galego gradúanse en Lugo da man da Deputación

xoves, 20 de xuño do 2019 Redacción

Un intre dos preparativos da gala celebrada hoxe

O presidente da Deputación de Lugo en funcións, Darío Campos Conde, clausurou este xoves o curso 2018-2019 do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da entidade provincial. Fíxoo nun concorrido acto (coa presenza dos estudantes e dos seus familiares e amigos, e tamén con colaboradores e representantes do sector) e na compaña do voceiro do Goberno en funcións, Álvaro Santos Ramos, e da edil do Concello de Lugo, Ana González Abelleira.
Campos felicitou aos 20 novos titulados e ao alumnado de primeiro de Produción e Realización encargado de organizar e gravar a gala de graduación que, por vez primeira, celebrouse no Centro de Produción Audiovisual do devandito Servizo. A gala, inspirada no cinema en branco e negro, contou cunha actuación de claqué a cargo de Lola Fernández.
Campos Conde convidou ás alumnas e alumnos a que “nesta nova andaina soñedes moito e traballes aínda máis”. E engadiu: “Nós puxemos os medios, e de vós e da vosa implicación depende o partido que lle saquedes ao voso paso polo Centro de Formación Audiovisual”. O presidente tamén lembrou que “desde a Deputación sumámonos ao esforzo das familias mantendo a matrícula de balde co obxectivo de que calquera rapaz ou rapaza da nosa provincia que lle guste o mundo audiovisual poida acceder a un ensino de calidade, con independencia da súa situación económica”.
Nos últimos anos a Deputación de Lugo vén apostando fortemente polo sector, como se reflicte da súa presenza activa no Clúster do Audiovisual Galego e na Academia Galega do Audiovisual. Ademais, vén de convocar catro contratos en prácticas para realizadores e produtores para que se inicien dun xeito profesional neste ámbito.
Seguindo este fío do compromiso creativo da entidade provincial, Campos Conde salientou o apoio da Deputación a “películas de proxección internacional”, como O que arde, de Oliver Laxe, rodada en galego e maioritariamente nos Ancares Lucenses, que vén de ser premiada no Festival de Cannes; ou a colaboración na longa La sombra de la Ley, con varios premios Goya, e con tres lucenses á cabeza: o director Dani de la Torre, o responsábel da montaxe, Jorge Coira, e o actor Luis Tosar. “Exemplos de que desde Lugo tamén se pode chegar ao máis alto no mundo do cine”, dixo.
Gala en branco e negro
O alumnado de primeiro de Produción organizou a gala de graduación, inspirada no cine en branco e negro, como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. As rapazas e rapaces de primeiro de Realización foron os encargados da súa gravación íntegra. O encontro incluíu ademais un photocall na entrada do CPA e un museo con diversos recordos dos alumnos durante estes dous últimos anos.
Durante a velada proxectáronse algúns dos traballos elaborados polos novos titulados no último curso: os videoclips Mi monstruo favorito do grupo Kimuru e 666 de Sad Gonsales; e as curtametraxes Primer beso e Quero ser romano. O alumnado tamén realizou e produciu, ao longo do ano, diversos programas de televisión e a Semana de Teatro con espectáculos representados, producidos e realizados polos estudantes, entre outros traballos.
Prazos para matricularse o curso que vén
O 28 de xuño remata o prazo de preinscrición para o curso 2019-2010, que está aberto desde o día 17. A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos publicarase o 2 de xullo no taboleiro de anuncios do centro e en www.fundaciontic.org. O 3 e 4 estará aberto o prazo de reclamacións e o día 5 publicarase a listaxe definitiva. A matrícula ordinaria poderá formalizarse desde o 8 ao 19 de xullo, na sede do centro educativo en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poden descargarse en www.fundaciontic.org.

PUBLICIDADE